O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Román Rodríguez, anunciou hoxe a presentación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que se dirixa ao Ministerio de Medio Ambiente co fin de que na anunciada reforma da Lei de Costas “se dea solución ao recoñecemento dos núcleos rurais tradicionais do sistema de asentamentos do litoral galego”. “Esta modificación tamén daría seguridade xurídica aos cidadáns que teñen bens afectados polos deslindes, permitindo concesións de uso por 30 anos ou que o Estado se faga cargo das cargas hipotecarias subscritas”, apuntou.














