Di non pertencer a Viticultores do Castro pero o documento indicando á Xunta en qué conta ingresar a subvención coa que se pagou o soldo da empregada do PSOE leva o seu nome e a súa suposta firma
O representante legal da asociación pantasma que fichou á axente electoral abre a porta no Xulgado a que alguén o implicara na trama falsificando a súa firma
• David Fernández Ojea, que admitiu coñecer persoalmente ao propio García e tamén a Manuel Vázquez, secretario xeral do PSOE, é traballador de Unións Agrarias pero di non saber nada dos vínculos que pode haber entre a organización e o sindicato
• Figura como representante legal de Viticultores do Castro e, ou ben mente ao negar que o foi, ou ben alguén falsificou a súa firma para colocalo á fronte da asociación ourensá sen el sabelo
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2010.- O representante legal de Viticultores do Castro (a asociación pantasma que contratou a unha persoa para poñela, a través de Unións Agrarias, ao servizo do PSOE como axente electoral) minimizou a súa implicación na trama. David Fernández Ojea, tamén concelleiro socialista en Piñor, di non exercer nunca de representante da susodita organización, a pesar de que así figura na acta de constitución da asociación, a pesar de que se realizaron trámites por escrito no seu nome, e a pesar de que a solicitude para que a Xunta ingresase o diñeiro da subvención dunha entidade bancaria recollía o seu nome, o seu DNI e a súa suposta firma (ver documentos adxuntos).
Fernández Ojea padece a mesma amnesia que demostrou o ex director de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias, que interrogado polo seu papel na trama dixo non lembrar nada. Na declaración de hoxe o edil socialista combinou esa falta de memoria con posibles falsidades que poden levar á súa imputación por falso testemuño, ou á doutras persoas por suplantar a súa identidade. Ou ben David Fernández Ojea foi representante legal de Viticultores do Castro, e ben mente ao negalo, ou ben alguén falsificou a súa firma para colocalo á fronte da asociación ourensá sen el sabelo. De ser o segundo destes supostos, o seu superior xerárquico, ex responsable do sindicato e actual número dous do PSOE en Galicia, Pablo García, deberá explicar moitas cousas.
David Fernández Ojea, que admitiu coñecer persoalmente ao propio García e tamén a Manuel Vázquez, secretario xeral do PSOE, é traballador de Unións Agrarias pero di non saber nada dos vínculos que pode haber entre a organización e o sindicato (confirmados en sede parlamentaria polo ex responsable de UUAA en Costa da Morte, Félix Porto, imputado por malversación e fraude por leste mesmo caso).
Ademais, admite que as sedes de UUAA falsifican as memorias que deben acompañar ás subvencións entregadas para contratacións de persoal, posto que estas teñen que escribilas os propios contratados e Fernández Ojea di que eses traballos os fan “técnicos do sindicato”.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













