María Seoane salienta o Plan de Emprego como mostra do compromiso de Feijóo coa mocidade

Nun encontro dixital mantido esta mañá a través da web do PPdeG, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia e deputada lembrou que está previsto aprobar nesta Lexislatura a Lei de Xuventude, froito do diálogo cos representantes xuvenís

 

María Seoane salienta o Plan de Emprego da Xunta, dotado con 1.200 millóns de euros, como mostra do compromiso de Núñez Feijóo coa mocidade

 

• En resposta a varias preguntas dos internautas sobre as actuacións do seu partido en materia de xuventude, a parlamentaria lembrou que o Grupo Popular ten presentado iniciativas destinadas á elaboración dun Plan Global Xuvenil no medio rural; sobre vivenda; emprego; calidade educativa; ou en relación con problemas actuais como o ciberbullying

 

Santiago, 7 de abril de 2010.- A presidenta de Novas Xeracións de Galicia e deputada do PPdeG, María Seoane, salientou hoxe o Plan de Emprego da Xunta, dotado con 1.200 millóns de euros e que ten como piares fundamentais a xuventude, a muller, os discapacitados e os autónomos, como mostra do compromiso de Alberto Núñez Feijóo coa mocidade. “Desde o inicio do seu mandato na Xunta de Galicia, e xa desde que fora elixido presidente do PP de Galicia, Feijóo mostrouse claramente comprometido coa mocidade galega”, afirmou Seoane, quen engadiu que o paro xuvenil foi sempre unha das principais preocupacións do presidente da Xunta, que, para loitar contra ese problema, “fixo un programa que está a cumprir”.

 

Nun encontro dixital mantido esta mañá a través da web do PPdeG, a presidenta de Novas Xeracións de Galicia e deputada lembrou, así mesmo, que está previsto aprobar nesta Lexislatura a Lei de Xuventude, froito do diálogo cos representantes xuvenís da comunidade. A dita lei será “un elemento clave para o futuro dos mozos galegos, xa que regulará aspectos como a vivenda ou a participación xuvenil”.

 

En resposta a varias preguntas dos internautas sobre as actuacións do seu partido en materia de xuventude, a parlamentaria lembrou que o Grupo Popular ten presentado iniciativas destinadas á elaboración dun Plan Global Xuvenil no medio rural; sobre vivenda; emprego; calidade educativa; ou en relación con problemas actuais como o ciberbullying. Sobre este último tema, Seoane lembrou que o Parlamento aprobou por unanimidade a iniciativa presentada polo seu Grupo, dirixida á adopción de medidas contra este tipo de maltrato.

 

TRABALLO, VIVENDA E ENSINO

En canto ao labor de Novas Xeracións, organización que conta con máis de 8.000 afiliados e simpatizantes, a súa presidenta resaltou que constitúe “un cauce de participación que intenta poñer en valor as inquedanzas da xente nova dentro do Partido Popular” e mellorar as condicións de vida da mocidade de Galicia “trasladando esas inquedanzas ás institucións”. Entre as principais preocupacións actuais sobre as que a organización traballa, María Seoane salientou “o acceso ao traballo, a primeira vivenda e o ensino”, materias sobre as que “procuramos levar a cabo iniciativas que poidan favorecer estes aspectos”.

 

A deputada fixo especial fincapé na atención que o PPdeG e o seu presidente dedican aos asuntos que afectan á mocidade, dentro da preocupación xeral polas políticas sociais. O presidente da Xunta, asegurou, “é moi esixente cos que estamos máis en contacto cos mozos para que lle traslademos a realidade social de estudiantes, traballadores, nais xoves ou persoas con dificultade de acceso á vivenda que, por estar nun período de vida de formación e dando os primeiros pasos no mundo laboral e familiar, teñen máis dificultades que outros sectores da poboación”.

 

Unha esixencia, engadiu, que “é de agradecer, porque nos ofrece a posibilidade de levar a cabo iniciativas que son tidas en conta e se executan para mellorar a calidade de vida dos case 500.000 mozos galegos, que representan o 20% da poboación”.

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar