Os populares galegos fan fincapé en que coa publicación o pasado mércores da orde para asignar 2.235 megavatios, o Goberno galego cumpriu co compromiso electoral de tela lista no primeiro ano de Goberno
O PPdeG subliña que o Goberno galego desbloquea o sector eólico garantindo a seguridade xurídica, a obxectividade e a transparencia na súa xestión
• O novo decreto afonda na mellora do uso dos recursos de Galicia xa que incorpora o canon eólico, que propiciará que o beneficio que xeren os parques eólicos repercuta nos concellos nos que estes se sitúan deixando parte del para o disfrute dos habitantes da zona
• Os proxectos seleccionados da convocatoria serán os máis eficientes, co menor impacto medioambiental, e cuxos plans industriais asociados permitan ter un impacto positivo na sociedade, xerando novos empregos e consolidando novos sectores estratéxicos
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2010.- O Partido Popular de Galicia celebra que o actual Goberno galego desbloquease o sector eólico e subliña que o faga garantindo a seguridade xurídica, a obxectividade e a transparencia na súa xestión. Así, o novo decreto eólico elaborado polos populares na Xunta aparta todo viso de ilegalidade que había na anterior lexislación elaborada polo bipartito e que se queda, polo tanto, a moita distancia da actual normativa.
Os populares galegos fan fincapé, polo tanto, en que a xestión eólica do actual Goberno busca recuperar o tempo perdido substituíndo un decreto que era especulativo e anómalo por outro que aposta pola legalidade e a transparencia na xestión eólica e no reparto de megavatios e que, polo tanto, pon fin a que estes sexan repartidos en alta mar.
Así mesmo, o novo texto afonda na mellora do uso dos recursos de Galicia xa que incorpora o canon eólico, que propiciará que o beneficio que xeren os parques eólicos repercuta nos concellos nos que estes se sitúan deixando parte del para o disfrute dos habitantes da zona.
Para o Partido Popular de Galicia, é vital que Galicia volva a estar na vangarda do desenvolvemento enerxético e, grazas ao novo decreto, o sector eólico, dunha importancia estratéxica vital para a Comunidade, volverá a ter o liderazgo.
Por outra banda, os populares galegos fan fincapé en que coa publicación o pasado mércores da orde para asignar 2.235 megavatios, o Goberno galego cumpriu co compromiso electoral de tela lista no primeiro ano de Goberno.
Así mesmo, o PPdeG subliña que dita orde está vinculada á recente aprobación da nova Lei de Aproveitamento Eólico de Galicia, tramitada en menos de 8 meses e que dota de plena seguridade xurídica e transparencia ao sector e recolle obxectivo do Goberno galego de converter a Galicia nunha comunidade líder na produción e desenvolvemento das enerxías renovables.
Por outra parte, a convocatoria para o reparto dos megavatios valorará de cada plan que se presente o investimento de natureza industrial e o emprego que xeren. Por iso, valoraranse os proxectos industriais que se desenvolvan en sectores económicos estratéxicos e que contribúan á vertebración económica das zonas rurais de Galicia, e as propostas de investimentos reais en procesos produtivos, ademais de darse preferencia a aqueles plans industriais que comecen a súa execución á maior brevidade.
Os proxectos seleccionados serán, por tanto, os máis eficientes, co menor impacto medioambiental, e cuxos plans industriais asociados permitan ter un impacto positivo na sociedade galega, xerando novos empregos e consolidando novos sectores estratéxicos para a nosa economía.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













