Os populares galegos celebran que o Goberno de Feijóo cumpra unha vez máis coas súas promesas e leve a cabo as rebaixas de peaxes en autoestradas da Comunidade
O PPdeG pide ao Goberno central que transfira a Galicia as competencias sobre a AP-9 e a AP-53 para que Feijóo poida aplicarlles rebaixas nas peaxes
• Os populares valoran positivamente que a partir do mes de maio se comece a aplicar un sistema de bonificación nas peaxes das autoestradas de Carballo (AG-55) e de Val de Miñor (AG-57)
• Trátase non só dun compromiso electoral do PPdeG senón tamén dunha demanda histórica desas zonas que o Goberno galego fai realidade agora permitindo que uns 30.000 vehículos obteñan descontos do 25% nas viaxes de volta e do 50%
• Os populares galegos salientan que se trata dunha medida máis que se integra no corpus de iniciativas levado a cabo pola Xunta co que Feijóo dá exemplo de cal é a súa política social: ofrecer servizos de calidade á vez que rebaixar as cargas fiscais sobre os cidadáns
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2010.- O Partido Popular de Galicia solicita que o Goberno central transfira a Galicia as competencias sobre a AP-9 e a AP-53 para que Feijóo poida aplicarlles rebaixas nas peaxes como as que aplicará nas autoestradas galegas de Carballo e Val de Miñor. Así mesmo, os populares galegos reclaman do Executivo central que, mentres a AP-9 e a AP-53 non pasen a depender do Goberno galego, este tome exemplo de Feijóo e lles aplique descontos nas peaxes.
Así mesmo, o Partido Popular de Galicia celebra que o Goberno de Feijóo cumpra unha vez máis coas súas promesas e leve a cabo rebaixas das peaxes en autoestradas da Comunidade. Así, os populares valoran positivamente que a partir do mes de maio se comece a aplicar un sistema de bonificación nas peaxes das autoestradas de Carballo (AG-55) e de Val de Miñor (AG-57).
Trátase non só dun compromiso electoral do PPdeG senón tamén dunha demanda histórica desas zonas que o Goberno galego fai realidade agora permitindo que uns 30.000 vehículos, sexan do tipo que sexan, que circulan por esas vías de comunicación obteñan descontos do 25% nas viaxes de volta e do 50% cando realicen dous ou máis desprazamentos diarios. Deste xeito, cantas máis viaxes se realicen, máis bonificación se obterá.
Os populares galegos salientan que se trata dunha medida máis que se integra no corpus de iniciativas levado a cabo pola Xunta para axudar aos galegos a facer fronte á crise e a mellorar as súas condicións de vida. Así, mentres o Goberno central fai recortes nos ingresos ás autonomías e sube os impostos, complicando a recuperación económica das Comunidades, o Goberno de Feijóo pon en marcha medidas para alixeirar o peso da crise no peto dos cidadáns.
Para o PPdeG, a rebaixa das peaxes trátase dunha gran noticia para os galegos e instan ao Goberno central a que tome nota do exemplo dado pola Xunta.
Así mesmo, o PPdeG fai fincapé en que unha vez máis Feijóo dá exemplo de cal é a súa política social: ofrecer servizos de calidade ao mesmo tempo que se rebaixan as cargas fiscais sobre os cidadáns.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













