O voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Rosendo Fernández, considera “absurdo e incomprensible” que critiquen a xestión actual “os que levaron á Sanidade galega aos peores niveis de calidade da historia”
O PPdeG PÍDELLE AOS SOCIALISTAS QUE DEIXEN DE MANIPULAR Á OPINIÓN PÚBLICA SOBRE O HOSPITAL DE VIGO E QUE DEFENDAN DE VERDADE OS INTERESES DOS GALEGOS EN LUGAR DE AGOCHAR A SÚA INCAPACIDADE DETRÁS DUNHA PANCARTA
- O deputado lembra que a Xunta “deixou claro que o novo hospital de Vigo será cen por cen público”, polo que resulta “patético” que o PSdeG “siga empeñado en utilizar a mentira como arma política”.
Santiago, 24 de marzo de 2010.- O Partido Popular de Galicia pídelle aos socialistas galegos que deixen de manipular á opinión pública sobre o novo hospital de Vigo e que se dediquen a traballar defendendo de verdade os intereses dos galegos en lugar de agochar a súa incapacidade detrás dunha pancarta. O voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Rosendo Fernández, lamenta que o deputado socialista Modesto Pose “continúe prestándose a ser a cara dos despropósitos do seu partido”, xa sexa facendo afirmacións “como aquela de que o gasto corrente é imprevisible”, xa sexa “inflando mentiras e animando a participar nunha manifestación sen sentido”.
Rosendo Fernández considera “absurdo e incomprensible” que critiquen a xestión actual “os que levaron á Sanidade galega aos peores niveis de calidade da historia”, sumándoa “nun caos total de xestión” e facendo “orzamentos irreais sen importarlles que ao final o déficit provocado o pagan os cidadáns”. Para Fernández, os socialistas “non souberon ou non quixeron xestionar cando tiñan a responsabilidade de facelo” e agora “intentan agochar as barbaridades que fixeron lanzando mentiras, manipulando a realidade e culpando da súa desfeita ao Goberno que está a poñer orde na situación”.
HIPOCRESÍA POLÍTICA
Así mesmo, o deputado lembra que a Xunta “deixou claro que o novo hospital de Vigo será cen por cen público”, polo que resulta “patético” que o PSdeG “siga empeñado en utilizar a mentira como arma política”. Un partido, engade, que “critica a privatización onde non existe, cando eles, desde o Bipartito, crearon todo un holding empresarial, Galaria, para xestionar os servizos sanitarios”. En canto ao hospital de Lugo, resaltou que está prevista a súa apertura para o vindeiro verán, segundo anunciou a consellería, e, polo tanto, “cúmprense os prazos establecidos, despois dos repetidos incumprimentos do Goberno bipartito en canto á súa apertura, que non foi quen de poñelo en marcha, incumprindo os prazos que ese Goberno tiña marcado”.
“Son o colmo da hipocresía política”, apunta Rosendo Fernández, quen lembra tamén que os mecanismos legais que se están a utilizar para a construción do hospital público de Vigo “son os mesmos que utiliza o Goberno central ou gobernos doutras comunidades autónomas de distintas cores políticas”. Para o deputado, o único que están a demostrar os socialistas “é que manteñen na oposición a mesma irresponsabilidade política que tiveron cando eran goberno”, xa que “manipular aos cidadáns con falsidades non é precisamente o que os cidadáns esperan do principal partido da oposición”. Un partido, engade o deputado popular, “que está a confirmar día a día a súa falta de credibilidade, xa que basea a súa acción política en argumentos irreais cando non en cambios continuos de postura respecto ao temas fundamentais para Galicia”.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













