O PSOE racha o acordo sobre a Lei do Solo polas súas loitas internas

O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular cualificou de “escusas de mal pagador” os argumentos dos socialistas e lembrou que o Bipartito autorizou instalacións acuícolas en zonas de Rede Natura

 

O PSOE RACHA O ACORDO SOBRE A LEI DO SOLO POLAS SÚAS LOITAS INTERNAS E CO PRETEXTO DE QUERER POÑER “NOME E APELIDOS” A UN TEXTO LEXISLATIVO

 

 

• En referencia á posibilidade de instalar piscifactorías en Touriñán, Román Rodríguez salientou que o presidente da Xunta “dixo o que é de sentido común” ao afirmar que “se se pode facer se fará e se non se pode, non”, cumprindo a lexislación da UE, que é a máis dura do mundo, e fixo fincapé en que a Lei “non é o órgano competente para autorizar”.

 

 

 

Santiago, 23 de marzo de 2010.- O Grupo do PSOE no Parlamento galego rachou hoxe no Pleno da Cámara o acordo que tiña acadado a pasada semana co Grupo Popular para a aprobación da Lei do Solo debido ás súas loitas internas e co pretexto de querer poñer “nome e apelidos” a un texto lexislativo. Así o puxo de manifesto o voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Román Rodríguez, quen na súa intervención concretou que “ese nome e apelidos son Touriñán e Pescanova” e lamentou que “unha parte do Partido Socialista quería chegar a un acordo sabendo que era bo para o país”, pero os da outra parte “foron incapaces de ver a necesidade de chegar a un acordo neste asunto”. Porque, engadiu Rodríguez, “por soster unha bandeira política xa case do pasado, non lle importaba pechar unha aposta polo futuro tan boa como acadar un pacto polo territorio”.

 

Para o deputado, o que hai detrás desta actitude “é unha especie de coplexo de culpa”, porque “o que non foron capaces de facer cando gobernaban, agora lles doe que outros o poidan facer”. O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular cualificou de “escusas de mal pagador” os argumentos dos socialistas e lembrou que o Bipartito autorizou instalacións acuícolas en zonas de Rede Natura, polo que se preguntou se existen “uns espazos máis naturais que outros”.

 

En referencia á posibilidade de instalar piscifactorías en Touriñán, Román Rodríguez salientou que o presidente da Xunta “dixo o que é de sentido común” ao afirmar que “se se pode facer se fará e se non se pode, non” e fixo fincapé en que a Lei “non é o órgano competente para autorizar”, senón que só posibilita. As autorizacións dependerán, dixo, do órgano que teña que autorizar e que, con esta lei, esixirá o cumprimento da normativa máis estricta para a ubicación en Rede Natura de instalacións.

 

Román Rodríguez salientou que os cambios de rumbo dos socialistas veñen marcar “unha especie de testamento político”. O partido socialista, engadiu, “prima, por riba do interese xeral, o interese particular”, ao tempo que “ese discurso de cambiar a todas horas de postura é pouco crible” e amosa “un escaso peso de liderado e de dirección”.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar