Os populares adoitan pedir lealdade ao PSOE nos pactos de país e nesta ocasión piden ademais coherencia e unidade para que a coral de portavoces socialistas non diga unha cousa un día e ao seguinte outra
Miranda recomenda a Vázquez que consensúe o seu modelo urbanístico cos seus compañeiros de partido antes de falar de pactos con outras formacións
• Lembra que un dos perigos de non ter principios é que pode levar a situacións incómodas como dicir si e non ao mesmo tempo en temas tan importantes como as caixas galegas e a ordenación do territorio
• Considera necesario que os problemas internos que poida ter o grupo socialista non se trasladen ao Parlamento galego en xeral e, referido ás normativas deste calado en particular
• Subliña que os populares se mantiveron sempre na mesma posición con respecto á Lei do Solo e con respecto ao que establece sobre as instalación acuícolas en Red Natura, que é que se poden levar a cabo sempre e cando se respeten as condicións establecidas nas lexislacións española e europea
Santiago de Compostela 21 de marzo de 2010.- O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, recomenda ao secretario xeral do PSOE en Galicia, Manuel Vázquez, que consensúe o seu modelo urbanístico cos seus compañeiros de partido antes de falar de pactos con outras formacións. Para Miranda, é conveniente que Vázquez acade un consenso interno do que carece o PSOE e logre facerse respectar na formación que aspira a liderar. Só así o PSOE estará en condicións de pactar con seriedade e responsabilidade cos populares.
O popular lamenta que o PSOE careza dunha idea común sobre o que debe ser a ordenación do territorio e na última semana se vise cómo cada comunicado ou rolda de prensa dos socialistas sobre a Lei do Solo supoñía unha oda á improvisación na que os distintos voceiros se contradicían entre si.
Os socialistas apostaron por absterse de dicir que si á nova Lei do Solo desde un principio para logo pasar a crear expectativas de pacto e pouco despois desdicirse e volver a renegar do texto, creando confusión tanto no ámbito político coma no social. Así, o que o xoves era aceptable o venres xa non o era, por iso, Miranda afirma que o partido que manifesta ter tantos pactos urbanísticos como cargos o compoñen corre o perigo de aparentar non ter criterio algún.
O popular insta, polo tanto, aos socialistas a que digan entre todos o que queren facer co urbanismo en Galicia. Neste sentido, Miranda lembra que un dos perigos de non ter principios é que pode levar a situacións incómodas como dicir si e non ao mesmo tempo en temas tan importantes como a fusión das caixas galegas e a ordenación do territorio e lamenta que o PSOE se emendase a si mesmo polo menos unha vez ao mes desde que Manuel Vázquez é o seu secretario xeral.
Para Miranda, trátase dunha falta de respecto non só política senón tamén cara aos galegos e considera necesario que os problemas internos que poida ter o grupo socialista non se trasladen ao Parlamento galego en xeral e, referido ás normativas deste calado en particular.
Miranda recorda que os populares adoitan pedir lealdade ao PSOE nos pactos de país e nesta ocasión piden ademais coherencia e unidade para que a coral de portavoces socialistas non diga unha cousa un día e ao seguinte outra.
Por outra banda, Miranda subliña que os populares se mantiveron sempre na mesma posición con respecto á Lei do Solo e con respecto ao que establece sobre as instalación acuícolas en Red Natura, que é que se poden levar a cabo sempre e cando se respecten as condicións establecidas nas lexislacións española e europea. É o PSOE o que muda constantemente de parecer ante un mismo texto para a Lei do Solo que, por outra parte, vai en consonancia coas susoditas normativas. Non obstante, Miranda fai fincapé en que os populares siguen mantendo firme a súa vontade de pacto e agardan que os socialistas logren chegar a un consenso interno para poder tomar posición con respecto ao urbanismo.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













