O portavoz do PPdeG considera moi significativo que o mesmo Pleno no que Feijóo anunciou rebaixas impositivas ambiciosas, o PSOE votara en contra dunha resolución en contra da subida do IVE
Miranda: “No ADN do PSOE está subir os impostos; no do PPdeG, baixalos”
• No mesmo Pleno no que Feijóo anunciou que o Goberno baixaría os impostos para a compra de vivendas, o PSOE en Galicia votou “non” a unha resolución en contra da subida do IVE que apadriña Zapatero
• O PSOE quere que os pobres paguen máis impostos para sufragar os libros aos ricos
• Os esforzos que a Xunta fai á hora de baixar impostos non repercuten en que os galegos soporten menos presión fiscal, senón que só chegan para amortiguar os sablazos que mete o Goberno central aos cidadáns
• Manuel Vázquez, en lugar de poñerse ao lado dos que baixan impostos, ponse ao lado de quen os soben
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2010.- O portavoz de PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, considera que o Debate sobre o Estado da Autonomía retratou a política económica duns e outros. Así, o dirixente popular lembra que no mesmo Pleno no que o presidente da Xunta anunciou que o Goberno baixaría os impostos para a compra de vivendas, o PSOE en Galicia votou “non” a unha resolución en contra da subida do IVE que apadriña José Luís Rodríguez Zapatero. Para Miranda, os socialistas están empeñados en afundir a quen loitan por saír a flote, que son os centos de miles de galegos que están a padecer os efectos da crise.
Antonio Rodríguez Miranda cre que a obsesión dos socialistas por incrementar a presión fiscal cando Galicia menos o necesita pode ter compoñentes xenéticos. “No ADN do PSOE está subir os impostos; no do PPdeG, baixalos”, di.
O portavoz do PPdeG lamenta que o PSOE de Manuel Vázquez se mostre a favor de que os galegos paguen máis impostos cando menos poder adquisitivo teñen, e que se incremente a presión fiscal por igual a ricos e pobres. Miranda lembra que a nova esquerda socialista defende que os impostos de todos paguen os libros de texto tamén dos máis acomodados. Dito doutro xeito: máis alá do IVE, o PSOE quere que os pobres paguen máis impostos para sufragar os libros aos ricos.
O portavoz popular lamenta que os esforzos que a Xunta fai á hora de baixar impostos non repercutan en que os galegos soporten menor presión fiscal, senón que só chegan para amortecer os sablazos que mete o Goberno central aos cidadáns. Miranda cre que as propostas de Feijóo, por desgraza, non servirán para que os cidadáns vivan mellor, senón para que non vivan peor que antes de que a Zapatero se lle ocorrese subir o IVE.
O dirixente do PPdeG cre que Feijóo dá osíxeno a quen Zapatero se empeña en asfixiar, e lamenta que Manuel Vázquez, en lugar de poñerse ao lado dos que baixan impostos, se poña ao lado de quen os soben.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













