Román Rodríguez salienta o esforzo negociador realizado polo Goberno de Núñez Feijóo e polo PPdeG, que sempre “primou o interese xeral de Galicia por riba das lexítimas aspiracións partidistas” e anima ao BNG a que “se sume aos consensos”
O GRUPO POPULAR CELEBRA O ACORDO ACADADO COS SOCIALISTAS NA REFORMA DA LEI DO SOLO AO CONSENSUAR QUE NA COSTA GALEGA SE POIDAN INSTALAR PISCIFACTORÍAS COAS MÁXIMAS GARANTÍAS DE SUSTENTABILIDADE
- O voceiro de Ordenación do Territorio dos populares cualifica de “moi boa nova para Galicia” o acordo, que supón o arranque “con pe firme e vocación de permanencia no tempo” do Pacto polo Territorio e lamenta que os socialistas galegos non amosen a mesma actitude construtiva noutros temas de país como a Lei de Caixas ou o Decreto do Plurilingüismo no ensino.
Santiago, 17 de marzo de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular celebra o acordo acadado cos socialistas na tramitación da reforma da Lei do Solo, desbloqueada ao consensuar o texto do artigo 39 no referente ás instalacións acuícolas en espazos naturais, de xeito que na costa galega se poidan instalar piscifactorías coas máximas garantías de integración ambiental e paisaxística e de sustentabilidade que fixe a lexislación sectorial autonómica, estatal e comunitaria. Así, o texto transaccionado introduce referencias directas á Directiva Hábitat da UE e aos hábitats prioritarios e comunitarios. O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Román Rodríguez, destaca que o texto acordado “vai na liña do presentado e defendido polo PPdeG desde os inicios da negociación”, que tiña por obxecto “dar cumprimento estricto á normativa europea nesta materia, que é a máis estricta e dura no ámbito medioambiental”.
Respecto ao caso concreto de Touriñán, o PPdeG defendeu sempre a idea de que “as árbores permitan ver o bosque”, co cal, a decisión sobre Touriñán “terá que avaliarse de xeito específico en base á normativa europea, que será o eixo decisorio sobre a ubicación ou non da instalación acuícola”. Así, calquera piscifactoría que se queira ubicar nun espazo natural “terá que someterse aos máximos controis e requisitos ambientais”.
Román Rodríguez salienta o esforzo negociador realizado polo Goberno de Núñez Feijóo e polo PPdeG, que sempre “primou o interese xeral de Galicia por riba das lexítimas aspiracións partidistas” e anima ao BNG a que “se sume aos consensos”, primando tamén ese interese xeral. Un esforzo que quedou plasmado no acordo histórico coa FEGAMP, na aceptación de practicamente o cen por cen das recomendacións do Consello Económico e Social, na altísima porcentaxe de aceptación e transacción de emendas no trámite de Comisión e no feito da súa aprobación “por unha amplísima representación parlamentaria”.
O voceiro de Ordenación do Territorio dos populares cualifica de “moi boa nova para Galicia” o acordo, que supón o arranque “con pe firme e vocación de permanencia no tempo” do Pacto polo Territorio e lamenta que os socialistas galegos non amosen a mesma actitude construtiva noutros temas de país como a Lei de Caixas ou o Decreto do Plurilingüismo no ensino. Así mesmo, confía en que o PSdeG manteña esa vocación de consenso no futuro, en temas como “o pacto pola demografía anunciado onte polo Presidente Feijóo”.
NOVA CULTURA POLO TERRITORIO
Para Román Rodríguez, o acordo acadado contribuirá a instaurar “unha nova cultura polo territorio, na que uso e conservación camiñen da man e permitan o mellor para Galicia e os galegos”. Trátase, apunta, “de substituír a cultura de non facer, de dicir non porque non e de prohibir sen criterio pola de facer ben”.
Tras este acordo, seguirán novos pasos dentro do Pacto polo Territorio, como as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, “que virán ao Parlamento para buscar un amplo consenso político e posibilitar o deseño dun modelo territorial para Galicia con vocación de permanencia no tempo e que integre vontades e faga partícipes aos concellos”.
A modificación da Lei do Solo establecerá un novo réxime de Solo en Núcleos Rurais para “recoñecer a realidade do sistema de asentamentos caracterizado pola súa diversidade”. Igualmente, permitirá a axilización de trámites administrativos p ara o planeamento xeral e de desenvolvemento e dará maior protagonismo aos concellos. En definitiva, destaca Román Rodríguez, “vai dar solución a problemas históricos existentes no territorio, que requiren actuar para non pechar os ollos ante a realidade que temos”.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













