Gamallo convírtese, xunto con Feijóo, nun dos dous representantes de Galicia nas comisións máis relevantes do Comité das Rexións: a comisión COTER, e a CIVEX
O PPdeG felicita a Jesús Gamallo por saír elexido coordinador do grupo do Partido Popular Europeo da comisión CIVEX
• Dita comisión ten competencias na posta en marcha do Tratado de Lisboa, en asuntos institucionais e constitucionais, cidadanía, gobernanza europea, cooperación ao desenvolvemento e relacións exteriores
• Gamallo valorou satisfactoriamente que Galicia forme parte desta comisión, unha das máis relevantes do Comité das Rexións, e subliñou que iso vai supoñer que Galicia teña “máis capacidade de influencia e decisión” e máis “visibilidade” no ámbito europeo
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2010.- O Partido Popular de Galicia quere felicitar ao actual director xeral de Relacións Exteriores e Relacións coa UE da Xunta de Galicia e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo Aller, por saír elexido coordinador do grupo do Partido Popular Europeo (PPE) na nova comisión de Asuntos Constitucionais, Cidadanía e Relacións Exteriores (CIVEX), que ten competencias na posta en marcha do Tratado de Lisboa, en asuntos institucionais e constitucionais, cidadanía, gobernanza europea, cooperación ao desenvolvemento e relacións exteriores.
O popular foi seleccionado no marco da 83º sesión plenaria do Comité, que reuniu aos 344 representantes rexionais e locais de Europa na xornada de onte e na de hoxe en Bruxelas. Esta sesión significa a renovación do mandato para os anos 2010-2015.
Durante ese período, Jesús Gamallo exercerá as tarefas de coordinador do PPE na comisión CIVEX, cargo que implica unha mistura de labores de portavocía da formación popular europea e de negociador á hora de relacionarse cos coordinadores de cada grupo político representado na comisión. Gamallo valorou satisfactoriamente que Galicia forme parte desta comisión, unha das máis relevantes do Comité das Rexións, e subliñou que iso vai supoñer que Galicia teña “máis capacidade de influencia e decisión” e máis “visibilidade” no ámbito europeo.
Así mesmo, Gamallo aposta pola cooperación para levar a cabo unha boa labor, xa que cree no traballo conxunto preferiblemente a resaltar as diferenzas que separan a cada grupo político.
Polo tanto, os populares galegos non poden máis que congratularse porque Galicia estará presente en dúas das comisións máis importantes do Comité das Rexións das seis que hai. Por unha banda, o presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, será un digno representante da nosa Comunidade na comisión de Territorial (COTER) da que formará parte e, pola outra, Gamallo fará o mesmo na CIVEX.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













