A elección dos representantes da Comunidade nas Caixas supón darlles ás mesmas “unha maior democratización” e dotar os seus órganos representantivos “dunha maior independencia e profesionalidade”, salientou o portavoz do Grupo Popular
RUÍZ RIVAS REITERA A CONFIANZA DO SEU PARTIDO NA “LEALDADE INSTITUCIONAL” PARA QUE NON SE TOME “NINGÚN TIPO DE MEDIDAS ARBITRARIAS E DISCRIMINATORIAS CON GALICIA”
• O deputado considerou incomprensible que o portavoz do Grupo Socialista se amosara a favor “do que hoxe está a facer este Parlamento”, cando o seu partido en Madrid “recurre este como outros artigos da Lei de Caixas”.
• “Nós imos seguir ao dedillo o mandato estatutario que temos, o mandato que tiñamos deste Parlamento, imos exercer as nosas competencias e seguir dicindo que Galicia ten dereito a participar no mapa financeiro español, a seguir defendendo as súas caixas e a propiciar un proceso de fusión”.
• “Alá aqueles que están a facer de sucursal de outros, alá aqueles que seguen a facer de avogados do demo para seguir os dictados de Madrid e seguir ordes que van en detrimento do que os galegos e galegas desexan e merecen para seguir sendo donos do seu destino”.
Santiago, 9 de febreiro de 2010.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, reiterou hoxe a confianza do seu partido no diálogo co Goberno central en relación coa Lei de Caixas e na “lealdade institucional” para que non se tome “ningún tipo de medidas arbitrarias e discriminatorias con Galicia”. Na súa intervención no Pleno da Cámara previa á elección dos representantes da Comunidade Autónoma nas asembleas xerais das caixas, Ruíz Rivas salientou que ese acto supoñía darlles ás mesmas “unha maior democratización” e dotar os seus órganos representantivos “dunha maior independencia e profesionalidade”. Así o fai o Grupo Popular, dixo, “cos homes e mulleres que ten hoxe presentado para ser membros das asembleas de Caixa Nova e Caixa Galicia”, persoas “de recoñecida solvencia profesional, do mundo da empresa e da universidade e coa suficiente independencia para defender os intereses das caixas”.
A elección dos representantes permitiu “cumprir cun dos obxectivos da Lei de Caixas que aprobou este Parlamento”, que á súa vez, cumpre “co mandato parlamentario de darlle ás nosas caixas a galeguidade e a solvencia como obxectivos”. O PPdeG, engadiu Ruíz Rivas, “apoia todos e cada un dos actos que poidamos facer para que as caixas sigan sendo galegas e sexan solventes”, algo que, apuntou, coincide “co que dixo o noso presidente nacional, Mariano Rajoy”.
“QUE O AFORRO GALEGO SE QUEDE EN GALICIA”
O deputado considerou incomprensible que o portavoz do Grupo Socialista se amosara a favor “do que hoxe está a facer este Parlamento”, cando o seu partido en Madrid “recurre este como outros artigos da Lei de Caixas”. Así mesmo, lembroulle ao portavoz socialista que “o Consello de Estado non é o Tribunal Constitucional”, polo que “me parece moi ben que vostede queira seguir ao dedillo o dictame do Consello de Estado”, pero “nós imos seguir ao dedillo o mandato estatutario que temos, o mandato que tiñamos deste Parlamento, imos exercer as nosas competencias e seguir dicindo que Galicia ten dereito a participar no mapa financeiro español, a seguir defendendo as súas caixas e a propiciar un proceso de fusión”. O PPdeG non vai abandoar, engadiu, “o que é o desexo da maioría social de Galicia, expresada por ese manifesto que firmabamos co BNG, cos sindicatos e coa patronal” e vai defender “que o aforro galego se quede en Galicia”.
“Alá aqueles que están a facer de sucursal de outros, alá aqueles que seguen a facer de avogados do demo para seguir os dictados de Madrid e seguir ordes que van en detrimento do que os galegos e galegas desexan e merecen para seguir sendo donos do seu destino”, concluíu o portavoz do Grupo Popular.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













