O popular fixo fincapé en que o PSOE é un partido que, ou está aos pés do que lle convén ao Goberno central sen importarlle Galicia, ou aos do BNG, con quen o seu sometemento é xa unha marca rexistrada
Feijóo lamenta que haxa partidos que queiran descender a Galicia á segunda división financeira
• Indicou que o Partido Popular é unha formación ao pé da rúa, que pon as súas miras naquelo que verdadeiramente preocupa á cidadanía, que é a economía e o emprego
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2010.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que “Galicia é libre e bilingüe e “non a defende quen non lle gusta como é”.
Con isto, o popular aludiu á postura da oposición con respecto ao borrador do decreto do galego no ensino e afirmou que os socialistas e os nacionalistas están no seu dereito de saír á rúa a protestar e a manifestarse pero o popular recoméndalles tamén que saian máis á rúa a falar coa xente e vexan que os galegos conviven e falan en dúas linguas.
Nesta liña, o presidente do PPdeG indicou que, para os nacionalistas, Galicia comeza e remata nas súas sedes xa que, na concepción do BNG, máis aló do nacionalismo, non existe Galicia. Con respecto a isto, o popular fixo fincapé en que aínda peor ca isto é a sensación de que o PSOE galego está secuestrado na sede do BNG.
O PPdeG: UN PARTIDO AO PÉ DA RÚA
Por outra banda, Feijóo sinalou que o Partido Popular é unha formación ao pé da rúa, que pon as súas miras naquelo que verdadeiramente preocupa á cidadanía.
Así mesmo, segundo o presidente do PPdeG, os populares esfórzanse con rigor e responsabilidade por manter a Galicia na primeira división financeira. Neste sentido, o popular ironizou dicindo que, se ben hai uns anos Vigo se manifestou para que o Celta non baixara a Segunda División, agora a cidade ten un alcalde que se manifesta para que Vigo descenda á segunda división financeira.
Por outra banda, Feijóo fixo fincapé na capacidade para rectificar dos populares sempre e cando esas rectificacións supoñen beneficios para aqueles que máis o necesitan. Con respecto a isto, referiuse ás dúbidas que tiveron con respecto ao complemento para as pensións non contributivas e sinala que finalmente mantivérono. O popular lembrou cómo o PSOE o criticou por esas dúbidas e preguntouse onde están os socialistas galegos agora que o Goberno central vai baixar todas pensións, cando Galicia ten as máis baixas do Estado e para cando se vai convocar unha manifestación en contra diso.
Por iso, o popular concluíu que mentres o PP é un partido ao pé da rúa, o PSOE é un partido que, ou está aos pés do que lle convén ao Goberno central sen importarlle Galicia, ou está aos pés do BNG, con quen o seu sometemento é xa unha marca rexistrada do PSOE galego.
| < Anterior | Seguinte > |
|---|













