“Manuel Vázquez e o PSOE galego están a sentir a soedade de ir en contra dos intereses dos galegos”, afirma Manuel Ruíz Rivas, quen lembra que o Grupo Socialista non rexeitou algúns dos aspectos da Lei de Caixas que agora recorre o Executivo de Zapatero
O Grupo Popular confía nun diálogo entre a Xunta e o Goberno central para que Galicia “non perda vinte anos” por culpa “dunha decisión arbitraria e un trato discriminatorio” en relación coa lei de caixas
- “Quen se propón agora como interlocutor é precisamente quen rompeu o consenso”, salienta o portavoz parlamentario do PPdeG en relación á proposta do secretario xeral dos socialistas galegos, quen “non é fiable” porque é vítima “das súas contradicións e bandazos” e porque “pensa nos intereses de Ferraz e non nos de Galicia”.
- Ruíz Rivas resalta que o Goberno de Zapatero está a darlle a Galicia un trato discriminatorio tamén no relativo á transferencia de competencias e considera incomprensible que se diga que a única vía para poder asumilas “é cambiar o Estatuto”.
Santiago, 8 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular confía na vía do diálogo entre a Xunta e o Goberno central para que, en relación coa Lei de Caixas, se lle dea a Galicia “o trato que se lle debe dar” e non se deixe a esta Comunidade “sen a voz que estatutariamente lle corresponde”. Así o puxo de manifesto hoxe o portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruíz Rivas, en rolda de prensa, na que fixo fincapé na necesidade dese diálogo para que Galicia “non perda vinte anos” por culpa “dunha decisión arbitraria e un trato discriminatorio”.
Ruíz Rivas reiterou a defensa do seu partido de que Galicia conte cun sistema financeiro forte, baseado na solvencia e na galeguidade, “tal como se acordou neste Parlamento” e remarcou que “se se lle poñen obstáculos a esta Comunidade para lexislar o que outras lexislan, se está a atacar a autonomía política e a autonomía financeira de Galicia”.
En canto á oferta do secretario xeral dos socialistas de Galicia para aprobar outra lei de caixas, o portavoz parlamentario do PPdeG afirmou non entender “o papel de avogado do demo que está a xogar o PSOE galego”. “Manuel Vázquez e o PSOE galego están a sentir a soedade de ir en contra dos intereses dos galegos”, afirmou Manuel Ruíz Rivas, quen lembra que o Grupo Socialista non rexeitou algúns dos aspectos da Lei de Caixas que agora recorre o Executivo de Zapatero na súa tramitación na Cámara galega.
“Quen se propón agora como interlocutor é precisamente quen rompeu o consenso”, salientou o portavoz parlamentario do PPdeG en relación á proposta do secretario xeral dos socialistas galegos, quen “non é fiable” porque é vítima “das súas contradicións e bandazos” e porque “pensa nos intereses de Ferraz e non nos de Galicia”. Ruíz Rivas lembrou que Manuel Vázquez “reclamou primeiro reiteradamente que o presidente da Xunta se posicionara, posteriormente apoio nesta Cámara un documento conxunto para tramitar a lei antes de rematar o ano e despois se desmarcou pedindo un SIP, primeiro foráneo e despois entre as caixas galegas”. Doutra banda, o deputado cuestionou que Vázquez poida querer ser “un interlocutor de diálogo válido”, cando “o seu partido en Madrid quere recorrer unha lei en varios artigos que o PSOE aquí non rexeitou”. Así mesmo, sujbliñou que o diálogo debe ser “co Goberno central” e confiou en que “sexa fructífero e nos deixen defender os intereses de Galicia dentro das nosas competencias”.
TRANSFERENCIAS
Doutra banda, o portavoz do Grupo Popular fixo referencia á comparecencia do conselleiro de Presidencia prevista no Pleno do Parlamento de mañá para informar sobre a situación do proceso de traspaso de competencias a Galicia. Ruíz Rivas resaltou que o Goberno de Zapatero está a darlle a Galicia un trato discriminatorio tamén no relativo á transferencia de competencias e considerou incomprensible que se diga que a única vía para poder asumilas “é cambiar o Estatuto”.
O deputado popular lembrou que a transferencia de competencias demándase “para avanzar no autogoberno” e mellorar os servizos, polo que son os galegos os seus destinatarios finais. Igualmente, rexeitou que o Goberno central poida decirlle a Galicia “o que ten que facer” e apuntou que pretender que “determinadas leis se lle comenten” antes de aprobarse “é ir contra a autonomía”.
O Grupo Popular pídelle ao Goberno de Zapatero “que rectifique e que volva a abrir a canle do diálogo”, a través dunha nova xuntanza da Comisión bilateral.













