“Neste momento, en Galicia hai máis actividade cirúrxica que na época de bonanza; menos lista de espera para patoloxías urxentes; e estamos facendo máis hospitais públicos que en calquera momento da historia de Galicia”, afirma
FEIJÓO REITERA QUE ESTA LEXISLATURA, EN GALICIA, QUEDARÁN BLINDADOS OS SERVIZOS PÚBLICOS E DESTACA QUE EN 30 ANOS DA HISTORIA DA COMUNIDADE NUNCA UN GOBERNO DEDICOU MÁIS PESO PRESUPOSTARIO AOS SERVIZOS SOCIAIS
- En resposta a unha pregunta do PSdeG, resalta que no ano 2011 “fixéronse 19.000 intervencións cirúrxicas máis que durante o seu ano de lexislatura”
- Lamenta a determinación do Partido Socialista de seguir asustando á poboación galega e lembra que o PSOE deixou unha débeda de máis de 15.000 millóns de euros do Sistema Nacional de Saúde
- Recorda que o Goberno galego segue a esperar polas propostas socialistas en materia de emprego e para diminuír o número de consellerías
- En materia económica, salienta que “os datos do índice de emprego industrial en Galicia está crecendo e en España está baixando. En Galicia está subindo o saldo comercial por exportacións e en España hai déficit. E estamos exportando máis que na media de España”
- Reitera que no sector eólico hai unha posibilidade de crear 14.000 empregos e un investimento de 6.000 millóns de euros. “No sector eólico Galicia vai seguir competindo nos mercados. No sector eólico co BNG Galicia competía nos xulgados”
- “Non pararemos ata que Navantia volva coller pedidos e volva haber estaleiros públicos en Ferrol”, afirma en relación ao naval
Santiago, 15 de febreiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe no Parlamento, que esta lexislatura, en Galicia, quedarán blindados os servizos públicos e salientou que en 30 anos da historia da Comunidade nunca un Goberno dedicou máis peso presupostario aos servizos sociais. “Coa súa axuda ou sen a súa axuda –aseverou Feijóo, en resposta a unha pregunta do PSdeG- esta lexislatura, en Galicia, quedarán blindados os servizos públicos. Coa súa axuda ou sen a súa axuda, a sanidade ten máis actividade; a educación é máis pública, máis solidarias, máis idiomas, máis tecnoloxía e máis ordenadores; e, en servizos sociais estamos abrindo máis prazas públicas de maiores, de garderías, de residencias da terceira idade que na época do benestar”.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego afirmou que seguirá a defender a Sanidade Pública galega. “Para o que estamos aquí –asegurou- é para facer máis actividade cirúrxica, para facer máis actividade médica, para que os pacientes en Galicia esperen menos tempo en patoloxías urxentes e para facer máis infraestruturas sanitarias que nunca”.
Neste sentido, Feijóo lembrou ao Partido Socialista que “no ano 2011 fixéronse 19.000 intervencións cirúrxicas máis que durante o seu ano de lexislatura” e “neste momento en Galicia –reiterou- hai máis actividade cirúrxica que na época de bonanza; menos lista de espera para patoloxías urxentes que en época de bonanza; e estamos facendo máis hospitais públicos que en calquera momento da historia de Galicia equipando completamente o hospital de Lugo, facendo un novo hospital de Vigo, comprometéndonos a facer un novo hospital na parte hoteleira en Ourense, comprometendo e executando unha superficie hospitalaria equivalente a dous comarcais no hospital da Coruña e comprometéndonos a facer un hospital máis en Pontevedra”.
Pola contra, o presidente da Xunta lamentou a determinación do Partido Socialista de seguir “metendo medo” á xente no eido da sanidade. “Asustando a toda a poboación galega e dicindo que cobrariamos 513 euros por cada día de hospitalización; dicindo que cobrariamos 336 euros por unha ecografía e que cobrariamos 206 euros por unha consulta externa. E cando buscamos unha política farmacéutica que está sendo copiada en toda España, o que recibo de vostedes, co catálogo de prescrición de medicamentos xenéricos é un recurso ante o Tribunal Constitucional. Ese é o seu antecedente na sanidade. Vostedes deixaron unha débeda de máis de 15.000 millóns de euros do Sistema Nacional de Saúde”.
Así mesmo, Feijóo recordou que o Goberno galego segue a esperar polas propostas do PSdeG en materia de emprego e para diminuír o número de consellerías. “Levo 55 días esperando. Temos un Goberno máis cativo en número de departamentos da historia de Galicia, temos un Goberno con oito consellerías e aínda fun criticado”, lamentou.
En resposta á pregunta do Bloque Nacionalista Galego, o titular da Xunta salientou que dentro do contexto de recesión que sufre España, Galicia é unha comunidade que segue cun diferencial de menos paro, “case 4,6 por debaixo da media de España”. “A inmensa maioría das comunidades teñen máis paro que Galicia. Madrid, cos datos da EPA, ten máis paro que Galicia, Cataluña máis paro, Valencia máis paro; sen entrar en Andalucía, Estremadura e Castela a Mancha que case dobran o paro de Galicia”.
“Os datos do índice de emprego industrial en Galicia está crecendo e en España está baixando. En Galicia está subindo o saldo comercial por exportacións e en España hai déficit. E estamos exportando máis que na media de España”, engadiu.
Feijóo concluíu reiterando que no sector eólico hai unha posibilidade de crear 14.000 empregos e un investimento de 6.000 millóns de euros. “No sector eólico Galicia vai seguir competindo nos mercados. No sector eólico co BNG Galicia competía nos xulgados”, afirmou, ao que engadiu que no eido do naval “non pararemos ata que Navantia volva coller pedidos e volva haber estaleiros públicos en Ferrol”.













