O líder dos populares galegos comezou o seu discurso “como tería comezado” Fraga, recordando aos tres policías nacionais que perderon a súa vida realizando un servizo público
Feijóo “O PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia e Manuel Fraga é o político que máis se ten parecido a Galicia”
- O acto de homenaxe organizado polos populares galegos en honor a Manuel Fraga e no que houbo máis de 2.000 asistentes contou coa presenza de Rajoy
- Feijóo destacou que Fraga conseguiu todo o que se propuxo e que Galicia recuperou décadas con el coma Presidente da Xunta
- Subliñou o carácter perseverante de Manuel Fraga á hora de buscar ás ideas e levalas á práctica e puntualizou que de aí xurdiu o Partido Popular
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2012.- O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que “o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia e Manuel Fraga é o político que máis se ten parecido a Galicia”.
Así se expresaba o dirixente popular ante máis de 2.000 persoas no acto de homenaxe que a formación organizou en honor a Fraga, onde tamén estivo presente o presidente do PP e do Goberno de España, Mariano Rajoy.
Segundo explicou Feijóo, co acto, aparte de render tributo ao fundador do partido, os populares reivindican o orgullo de pertencer a unha das grandes obras creadas por Manuel Fraga e que une ilusións de tantos galegos e españois: o Partido Popular.
Por outra parte, o dirixente popular quixo aproveitar o inicio da súa intervención para expresar o seu recoñecemento, afecto e pesar ás familias dos policías nacionais falecidos na enseada do Orzán ao intentar rescatar a un estudante eslovaco, Javier López López, José Antonio Villamor e Rodrigo Maseda.
Segundo Feijóo ninguén poderá evitar que, para sempre, na memoria e no corazón de todos os españois, estean estes tres heroes galegos, que entregaron a súa vida no Orzán con xenerosidade e valor, sendo exemplo do que son as Forzas de Seguridade do Estado e do que todos os seres humanos deben ser.
Con respecto a isto, o dirixente popular sinalou que así sería “como tería comezado a súa intervención Manuel Fraga”, xa que o servizo aos demais sempre foi o sentido da súa vida.
FRAGA, O HOME QUE ACADOU TODO O QUE SE PROPUXO
Como apuntou ou dirixente popular, Manuel Fraga propuxo abrir o mundo a España e España ao mundo e acadouno, nunha primeira instancia, a través do turismo; e propuxo abrir España aos españois e acadouno como coautor da mellor obra colectiva deste país nos séculos XX e XXI: a Constitución Española.
Do mesmo xeito, don Manuel propuxo devolver a autoestima a Galicia e acadouno cunha política feita con grandeza, que cambia as cousas, que transforma os pobos e que os fai mellores.
Así, como destacou Feijóo, Fraga recuperou aldeas, recuperou parroquias, recuperou cidades e recuperou concellos e Galicia recuperou décadas con el coma Presidente da Xunta.
Con respecto a isto, o presidente do PPdeG lembrou que Manuel achegou Galicia á actualidade e ao benestar a través de infraestruturas e servizos; achegou Galicia a España demostrando que se podía facer política de Estado a través dunha Comunidade Autónoma; achegou Galicia a Europa a través da cultura, rescatando o Camiño de Santiago, facendo do Xacobeo a mellor carta de presentación.
Así mesmo, achegou Galicia aos galegos ensinándonos a valorar e querer aínda máis a nosa terra e achegou aos galegos entre si a través dun galeguismo útil, cordial e afectivo.
Nesta liña, Feijóo sentenciou que Fraga tiña o Estado na cabeza e Galicia estivo sempre no seu corazón.
“O SEU XEITO DE SER ESPAÑOL FOI SER GALEGO”
Por outra banda, Feijóo suscribiu as palabras de Manuel e asegurou que “o seu xeito de ser español foi ser galego” e así o demostrou con sacrificio, con esforzo e con traballo de sol a sol, con carácter pero tamén coa retranca de quen ten sempre unha anécdota ou un feito histórico ao que recorrer; coa morriña dos seu orixes emigrantes, dos que en todo momento se acordou, e co sentidiño de saber sempre cal era o seu deber.
O FUNDADOR DO PARTIDO POPULAR
O número un dos populares galegos subliñou o carácter perseverante de Manuel Fraga á hora de buscar ás ideas e levalas á práctica e puntualizou que de aí xurdiu o Partido Popular.
Segundo explicou Feijóo, Fraga creu que sería posible reunir a millóns de españois arredor desa idea; que sería posible unha democracia con posibilidades de alternancia política e manter unha coherencia e un proxecto común de España e creu que sería posible outro xeito de gobernar.
Segundo o presidente do PPdeG esas ideas, eses valores e eses principios son os que reúnen hoxe a esperanza de millóns de cidadáns e o PP converteuse na formación que na historia de España ten máis presenza en cada unha das institucións locais, provinciais, autonómicas e estatais.
Nesta liña, destacou que Manuel Fraga tivo unha idea política da España autonómica e democrática, converteuna nun partido e os españois, comunidade por comunidade, se identifican con ela.
O SEU LEGADO PERMANECE
Así mesmo, Feijóo recordou que Fraga convertiu unha ducia de parlamentarios na maior representación parlamentaria que se recorda dun partido na historia e fixo fincapé en que a súa política permanecerá para sempre.
Segundo Feijóo, é certo que Fraga non chegou ser Presidente do Goberno de España; pero fixo todo o que estivo na súa man para que en España houbera presidentes de España democráticos que se apoiaran nunha Constitución; e foi capaz de que, despois da súa morte, a súa idea, a súa obra, o Partido Popular estea á vez no Goberno de España, na Xunta de Galicia, en Comunidades Autónomas por toda España, en deputacións e concellos.
Ademais, sempre estará presente nun lugar aínda máis reservado: na historia de Galicia e na de España.
O SUCESOR DE FRAGA
Así mesmo, Feijóo asegurou sentirse moi orgulloso por ter a confianza dos galegos para presidir a Xunta de Galicia e poder facelo despois de Manuel Fraga.
Con respecto a isto, Feijóo indicou que cando ten dúbidas sobre qué debe facer ou se pode traballar máis, sempre chega á mesma conclusión, que si pode, porque “durmir na mesma habitación que durmiu Fraga imprime carácter”.
Nesta liña, o presidente do PPdeG afirmou que, mentres sexa presidente, sempre terá un gran referente no fundador do partido ao que pertence e o seu obxectivo cada día é e será erguerse polas mañás sabendo entender o que Galicia quere, como soubo Fraga.
Por outra parte, Feijóo destacou que Fraga acadou que a Galicia se lle escoitara en España e a Galicia se lle seguirá escoitando en España con austeridade, rigor, responsabilidade e busca do ben común; buscou a unidade nos momentos máis difíciles da nosa historia, e Galicia buscará a unidade para superar estas dificultades ás que nos enfrontamos.
Así mesmo, Fraga ensinou a non poñerse límites, a non renderse nunca e, segundo Feijóo, Galicia e España non se van render, imos levantarnos sempre e sairemos desta.
Con respecto a isto último, Feijóo indicou que non lle cabe dúbida porque se hai alguén que pon en práctica os valores deste partido é quen hoxe preside o noso país: Mariano Rajoy.
Por outra parte, Feijóo quixo ter tamén un especial recordo a persoas do Partido Popular que faleceron recentemente e que demostraron día a día nas súas responsabilidades que os movía o servizo público ao igual que a Fraga.













