O titular do Goberno galego presidiu hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre Xunta, Fegamp e dúas entidades financeiras para a constitución da bolsa
FEIJÓO DESTACA QUE A POSTA EN MARCHA DA BOLSA DE VIVENDA DE PREZO TAXADO DARÁ CONFIANZA AOS QUE NECESITAN UNHA CASA AO GARANTIRLLES: UN MENOR PREZO, UNHA MAIOR SEGURIDADE NA COMPRA E UN MELLOR FINANZAMENTO
- Subliña que as vivendas poderán transmitirse en compravenda ou en aluguer con opción de compra
- Explica amais que os adquirentes ou arrendatarios non pagarán os gastos de notario e rexistro da propiedade; terán a garantía do arbitraxe do Instituto Galego de Consumo; e a bonificación do 40% do IBI nos catro primeiros anos desde a compra da vivenda
- Avanza que, nas próximas semanas, aprobarase no Consello unha nova Lei de Vivenda en Galicia; “un marco regulatorio que busque garantías para os adquirentes de vivenda, marco xurídicos estables para os construtores e os promotores e unha relación presidida pola seguridade xurídica entre as administracións públicas, adquirentes da vivenda e promotores das mesmas”
- Asegura que o Goberno galego seguirá a apostar tamén pola rehabilitación das vivendas
Santiago, 01 de febreiro de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, na sinatura do convenio de colaboración entre Xunta, Fegamp e as entidades financeiras Novagalicia Banco e Caixa Rural Galega para a constitución da Bolsa de Vivenda a prezo taxado, que a súa posta en marcha dará confianza aos que necesitan unha casa ao garantirlles: un menor prezo, unha maior seguridade na compra e un mellor financiamento. “Hoxe, dotámonos dun importante instrumento para facilitar o acceso a vivenda das familias galegas”, asegurou ao que engadiu que esta medida contribuirá tamén a dinamizar o mercado de vivendas baleiras.
Feijóo subliñou que, en definitiva, esta bolsa é un instrumento que aglutina os intereses de todas as partes, con prezos máximos e con condicións atractivas ás persoas que queren acceder a un fogar e que teñen nun stock de 32.000 vivendas unha gran posibilidade para logralo.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta explicou que as vivendas poderán transmitirse en compravenda ou en aluguer con opción de compra. “E os adquirentes ou arrendatarios terán, entre outros beneficios: prezos máximos similares aos das vivendas protexidas determinados polo IGVS en función das áreas e das zonas territoriais onde se ubiquen esas vivendas libres; non pagarán os gastos de notario e rexistro da propiedade que serán asumidos polo promotor vendedor das vivendas; e terán a garantía do arbitraxe do Instituto Galego de Consumo para resolver posibles controversias entre o comprador e o promotor”.
No caso de aluguer con opción de compra, esta poderá exercitarse nun prazo de 5 anos e o 40% do importe da renda satisfeita nos 3 primeiros anos se considerará como parte do prezo e o 30% da renda satisfeita durante os outros 2 anos tamén será descontada do prezo.
Feijóo destacou, tamén, a bonificación do 40% do IBI nos catro primeiros anos desde a compra da vivenda. “E desde o punto de vista financeiro –engadiu- cómpre salientar que as entidades financeiras se comprometen a facer financiamentos en condicións preferentes tanto no tipo de interese como no prazo de amortización, comisións e contía do préstamo”.
Nova Lei de Vivenda
O presidente do Goberno galego reiterou que este acordo responde a un dobre obxectivo: intentar paliar as dificultades das familias galegas para acceder a unha vivenda en aluguer ou en propiedade; e dinamizar o sector da construción.
Con este dobre obxectivo, lembrou que a Xunta ten en marcha varios programas e avanzou que, nas próximas semanas, aprobarase no Consello da Xunta unha nova Lei de Vivenda en Galicia. “Un marco regulatorio que busque garantías para os adquirentes de vivenda, marco xurídicos estables para os construtores e os promotores e unha relación presidida pola seguridade xurídica entre as administracións públicas, adquirentes da vivenda e promotores das mesmas”.
Así mesmo, dentro desta nova Lei de Vivenda contémplase a creación dun Rexistro de Promotores, de carácter público, “de tal xeito –explicou Feijóo- que a información flúa entre todos os promotores e de tal xeito que os compradores e promotores teñan unha información pública desde o punto de vista dese rexistro de promotores.
Outro dos aspectos de interese que se propoñen no texto lexislativo son a redución dos períodos de restrición para as vivendas protexidas, variable entre os 15 e 30 anos en función dos prezos nas distintas áreas e do volume de axudas públicas destinadas a súa construción. “Posibilitaremos tamén un cambio de cualificación de vivendas públicas a vivendas libres cando se devolvan a totalidade das axudas públicas recibidas”.
O titular da Xunta asegurou que o Goberno galego seguirá a apostar pola rehabilitación. “Somos líderes –dixo- desde fai moito tempo na rehabilitación en España: 55 áreas de rehabilitación emprazadas en 37 concellos aos que se vén a sumar un fito único en España como é a declaración de área de rehabilitación dos concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago, o que supón 107 concellos que se inclúen dentro das áreas de rehabilitación. En total, 127 concellos galegos teñen axudas para rehabilitar vivendas no seu termo municipal”.
Por último, Feijóo referiuse tamén ao programa Aluga, “no que xa hai máis vivendas destinadas a aluguer que demandantes de aluguer”.













