Os populares galegos conciben a sociedade como un conxunto de individuos cos mesmos deberes pero tamén dereitos, que en ningún caso se poden ver vulnerados pola súa condición sexual
O PPdeG aposta pola igualdade salarial e laboral das mulleres e declárase en guerra aberta contra o desemprego feminino
• A unhas horas do día Internacional da Muller Traballadora, os populares sinalan que aínda quedan algunas batallas que gañar para erradicar por completo certos prexuízos que aínda persisten no tempo e que non fan senón impedir o avance cara unha sociedade igualitaria
• Afirman que seguirán loitando por que haxa xustiza salarial, de xeito que os traballadores, sexan homes ou mulleres, cobren igual por traballos iguais, rompendo así con prexuízos sexistas.
• Fan fincapé en que forman parte dun partido que está no bando das mulleres que loitan por competir na sociedade a pé de igualdade cos homes e por romper teitos de cristal
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2010.- A unhas horas do día Internacional da Muller Traballadora, os populares galegos queren reafirmar a súa firme aposta pola igualdade salarial e laboral das mulleres e decláranse en guerra aberta contra o desemprego femenino. Os populares galegos reivindican a importancia do papel das mullereres na sociedade e no mundo laboral e non deixarán de loitar ata que se erradiquen as desigualdades.
O Partido Popular de Galicia celebra todos os logros acadados pola sociedade ao longo da historia para vencer a lacra discriminación sexual a nivel social e laboral, especialmente nos últimos tempos nos que cada vez é máis frecuente ver cómo acceden a profesións que, por tradición, estaban relegadas ao xénero masculino.
Non obstante, os populares galegos consideran que aínda quedan algunas batallas que gañar para erradicar por completo certos prexuízos que se empeñan en persistir no tempo e que non fan senón impedir o avance cara unha sociedade igualitaria, na que homes e mulleres teñan non só os mesmos dereitos e deberes, senón tamén as mesmas oportunidades laborais e sociais.
No que ao ámbito laboral se refire, os populares reivindican que se teñan en conta factores coma o nivel de capacitación dos individuos e a capacidade de traballo, independentemente do sexo ao que estes pertenzan. Así mesmo, seguirán loitando para que se estableza dunha vez por todas a xustiza salarial, de xeito que os traballadores, sexan homes ou mulleres, cobren igual por traballos iguais, rompendo así con prexuízos sexistas.
Para os populares, unha sociedade non logrará progresar completamente mentres non venza o sexismo nin os prexuízos que impiden que homes e mulleres sexan tratados por igual.
Os populares fan fincapé en que forman parte dun partido que está no bando das mulleres que loitan por competir na sociedade a pé de igualdade cos homes e por romper teitos de cristal posto que, onde outros fan distincións de xénero, o PPdeG concibe a sociedade como un conxunto de individuos cos mesmos dereitos e deberes que en ningún caso se poden ver vulnerados pola súa condición sexual.













