Os populares lamentan que os socialistas truncasen hoxe no Congreso unha emenda que beneficiaría enormemente a Galicia
• Os populares considera que os deputados do PSOE galego no Congreso están demostrando tamén estar máis interesados no benestar de Comunidades como Cataluña, que no de Galicia
• Esixen que Vázquez explique se a decisión dos deputados se tomou ou ben porque el carece de peso no seu partido para esixir unha votación favorable a este fondo, ou ben porque o seu partido e máis el están completamente a favor de que o Estado priorice a asignación de fondos ás comunidades máis ricas
• Critican que os deputados socialistas non fosen capaces, como galegos, de rectificar os erros cometidos polo Goberno central coa financiación autonómica ao non ter en conta as necesidades específicas de cada Comunidade.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2009.- O Partido Popular de Galicia lamenta que os deputados do PSOE galego no Congreso rexeitasen compensar a Galicia coa emenda á financiación autonómica do Goberno central, acordada no Senado, que supoñería a creación dun fondo adicional de ata 500 millóns de euros para as comunidades con dispersión da poboación.
Os populares lembran cómo fai un par de semanas conseguiron sacar adiante no Senado unha emenda ao Proxecto de Lei de Financiación Autonómica, a pesar do voto en contra dos socialistas, para que o Estado aportase un fondo de 250 millóns para aquelas Comunidades Autónomas con densidade de poboación inferior á media e outro de 250 millóns máis para as que teñan unha dispersión de poboación superior á media, en lugar dos 50 millóns previstos inicialmente para cada variable.
Trátase dunha emenda que beneficiaría enormemente a Galicia, que sería unha das Comunidades máis favorecidas polo fondo, e que, sen embargo, se viu truncada hoxe no Congreso pola negativa dos socialistas a aprobala, decisión que, para os populares, di moito da política económica do PSOE e da súa disposición a axudar a Comunidades Autonómas que se ven na obriga de prestar servizos en circunstancias máis difíciles.
Así mesmo, o PPdeG considera que os deputados do PSOE galego no Congreso están demostrando tamén estar máis interesados no benestar de Comunidades como Cataluña, que no de Galicia ou outras autonomías con alto grao de dispersión da poboación. Para o PPdeG, queda probado, polo tanto, o interese dos socialistas galegos en acogotar ás autonomías como Galicia e o seu afán por reducir a capacidade de crecemento e o benestar en beneficio doutras Comunidades máis favorecidas.
Os populares esixen, polo tanto, a Vázquez que explique se a decisión dos deputados socialistas galegos se tomou, ou ben porque o secretario xeral do PSOE galego carece de peso no seu partido para esixir unha votación favorable a este fondo ou ben se se tomou porque tanto o PSOE galego coma Vázquez están a favor de que o Estado priorice a asignación de fondos ás Comunidades máis ricas e, así, afondar nas diferenzas de renda entre as distintas autonomías.
O PPdeG lamenta profundamente que os socialistas traizoasen por segunda vez a Galicia –a primeira foi co boicot á emenda dos populares no Senado- e se enrocasen na súa posición de manter os seus dous irrisorios fondos de 50 millóns en lugar de elevar a cuantía total ata os 500. Así mesmo, critican que non fosen capaces, como galegos, de rectificar os erros cometidos polo Goberno central coa financiación autonómica ao non ter en conta as necesidades específicas de cada Comunidade.













