A voceira de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez, lamentou “o alarmismo inxustificado” que os grupos da oposición tentan xerar sobre o novo decreto aprobado pola Xunta
O GRUPO POPULAR GARANTE QUE A METADE DOS USUARIOS, OS DE RENDAS MÁIS BAIXAS, NON SE VERÁN AFECTADOS POLOS NOVOS PREZOS DAS ESCOLAS INFANTÍS
- O obxectivo é continuar coa creación de novas prazas públicas de escolas infantís, logo de incrementar máis de 2.000 nos últimos tres anos, e garantir a viabilidade do sistema
- Con respecto á privatización, Rodríguez Arias recorda que “este modelo de xestión indirecta está amparado pola Lei de Servizos Sociais, que foi aprobada polo anterior Goberno bipartito da Xunta de Galicia”
Santiago, 23 de xaneiro de 2012.- A voceira de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, lamentou hoxe “o alarmismo inxustificado” que os grupos da oposición tentan xerar sobre o novo decreto de prezos de escolas infantís aprobado polo Goberno galego “cando se trata dunha suba progresiva e solidaria na que a metade dos usuarios, os de rendas máis baixas, non se verán afectados por estas novas tarifas, que afectarán principalmente ás familias con maiores ingresos”.
“O obxectivo da actual Xunta de Galicia é continuar co programa de dotación de prazas públicas de escolas infantís iniciado hai tres anos e que ata o momento supuxo un incremento da oferta en máis de 2.000 prazas para atender a demanda existente actualmente na nosa comunidade autónoma”, sinalou a voceira do Grupo Popular. Así mesmo, apuntou que “persegue a viabilidade do sistema, xa que na actualidade a aportación familiar que se realiza por cada usuario na escala máis alta non acada nin o 30 por cento do custo real da praza”.
Rodríguez Arias puntualizou que o novo decreto “presenta unha suba progresiva e solidaria que garante a atención aos que teñen menos recursos e supón maiores achegas por parte das familias que teñen maiores rendas”. En concreto, reiterou que “todas aquelas familias con rendas inferiores a 1.190 euros non terán que afrontar incremento algún no custo dos servizos da escola infantil, unha situación que se amplía ás familias con rendas ata 1.500 euros se o que se demanda é unicamente a atención educativa sen servizo de comedor”.
INCREMENTOS POR BAIXO DA SUBA DO IPC
Pola outra banda, as familias que afrontarán un maior incremento serán as que presenta uns ingresos superiores aos 3.200 euros, “para os que se creou un tramo específico co fin de garantir este novo sistema progresivo e solidario”. “En todo caso, estes incrementos son inferiores á suba rexistrada polo IPC nos últimos dez anos, última data na que se modificaron os prezos das escolas infantís”, concretou.
Con respecto á privartización, Marta Rodríguez demandou ao oposición “un pouco de sentido común nas súas críticas porque a modalidade de xestión externa está amparada pola Lei de Servizos Sociais aprobada polo anterior Goberno bipartito da Xunta de Galicia, un modelo que ademais xa leva moitos anos implantado en escolas infantís de titularidade municipais ou noutros servizos sociais prestados pola Administración autonómica”.
O voceira do Grupo Popular explicou que a xestión indirecta “non conleva perda de calidade nin diferenza de prezos, porque as prazas serán públicas coa mesma normativa que o resto de escolas infantís, as mesmas ratios e, por suposto, os mesmos prezos públicos”.













