O voceiro do Grupo Popular avanzou que “todas as administracións terán que axustar as súas previsións de ingresos polo incumprimento do déficit e a entrada en recesión da economía”
PEDRO PUY CUALIFICA AS PRIMEIRAS MEDIDAS ECONÓMICAS ADOPTADAS POLO GOBERNO DE RAJOY DE “AXEITADAS E CUNHA ESPECIAL SENSIBILIDADE CARA AS ADMINISTRACIÓNS TERRITORIAIS”
- “En Galicia xa temos moito camiño feito, pero se a situación segue sendo tan complicada haberá que tomar decisións adicionais que esperamos que, como ata o de agora, non afecten ao mantemento do núcleo duro do Estado de benestar”, manifestou
Santiago, 23 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe as medidas adoptadas polo Goberno de Mariano Rajoy no seu primeiro mes de mandato como “axeitadas e adoptadas cunha especial e notoria sensibilidade cara as administracións territoriais”, ao tempo que demostran, “como foi o tema do adiamento da débeda que teñen as comunidades autónomas e os concellos co Estado, que había cuestións que eran de vontade política”. Así mesmo, avanzou que “todas as administracións públicas van ter que axustar as súas previsións de ingresos como consecuencia do incumprimento do déficit, en cifras tan significativas como os 20.000 millóns de euros que hai que recortar a maiores dos 16.000 xa previstos, ou a entrada en recesión da economía”.
Pedro Puy recordou que as medidas adoptadas polo Goberno central “veñen condicionadas por dous aspectos: a contía do déficit, que en vez de ser do 6 por cento anunciado sube ao 8 por cento; e as previsións económicas, que mesmo organismos como o Fondo Monetario Internacional pasan do excesivo optimismo do Goberno socialista anterior, cunha previsión de crecemento para 2012 superior ao 2 por cento, a prever unha caída da economía superior ao 1 por cento, que incide directamente nunha baixa dos ingresos de todas as administracións pola vía fiscal”.
Neste sentido, o portavoz do Grupo Popular salientou que un 60 por cento destas medidas supoñen reducir gastos da Administración, “mantendo aspectos máis solidarios como a prórroga da axuda de 400 euros aos parados que perderon o dereito ao desemprego, o incremento do 1 por cento das pensións, o mantemento do IVE superreducido para a adquisición da primeira vivenda ou a desgravación na compra de vivenda no IRPF”. Ademais, explicou que as decisión adoptadas sobre o imposto sobre a renda “teñen a curto prazo menos efecto na caída do consumo e a demanda, afectando menos ao crecemento que calquera outra alternativa fiscal”.
BOA ACOLLIDA MUNICIPAL E AUTONÓMICA
Puy recordou a boa acollida a nivel municipal que tivo o anuncio da suba do IBI, manifestada incluso esta fin de semana polo propio presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, e a incidencia positiva que terá na recadación das comunidades autónomas o aumento do IRPF, “que verán como se incrementa a súa participación no fondo destinado á garantía dos servizos públicos fundamentais”. “Ademais, ambos vanse ver beneficiadas en termos de liquidez polo feito de que o Goberno decidise adiar as devolucións correspondentes aos cartos recibidos nos anos 2008 e 2009 por riba do que lle correspondería a estas administracións, a consecuencia dunha moi mala programación económica orzamentaria feita polo anterior Goberno socialista”.
“A nova vía de diálogo e colaboración aberta coas comunidades autónomas tamén tivo a súa manifestación na celebración a pasada semana do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para concertar as medidas en relación co déficit, sobre o que todas as autonomías, incluídas as que non están gobernadas polo PP, consideraron positivas decisións alí tomadas”, sinalou Pedro Puy. Neste sentido, subliñou o anuncio da creación dun grupo de traballo para analizar a reforma do sistema de financiamento autonómico, logo de que se estea a confirmar, segundo pasa o tempo, que o actual sistema beneficia ás comunidades de maior nivel de renda e prexudica as de menor renda, como Galicia.
De cara ao futuro, Pedro Puy avanzou que “todas as administracións públicas van ter que axustar as súas previsións de ingresos”, como consecuencia de dous factores fundamentais: o incremento do déficit en 20.000 millóns de euros sobre os 16.000 xa previstos e a entrada en recesión da economía. “Estamos nunha etapa transitoria á espera dos novos orzamentos do Goberno central, na que vemos que hai factores que van incidir negativamente no noso orzamento, como a taxa de decrecemento, pero tamén factores que van influír positivamente, como o adiamento da devolución que as CCAA teñen que darlle ao Estado”, sinalou.
PRUDENCIA
Por este motivo, o portavoz do Grupo Popular amosouse “prudente á espera de coñecer o impacto exacto de decisións como o incremento de ingresos a través do IRPF ou o adiamento das devolucións, así como a previsión de crecemento real e o seu impacto no conxunto da recadación e nos anticipos que recibirá a comunidade autónoma no 2012”.
“En Galicia, o Goberno do Partido Popular xa recortou o orzamento máis dun 15 por cento nos últimos anos, o que nos sitúa nunha situación vantaxosa respecto a outras comunidades autónomas que incorreron en excesos de gasto que os levarán a recortes máis significativos no presente”, sinalou.
Neste sentido, Puy apuntou que “todas as comunidades autónomas están traballando na mesma liña de reducción do gasto e en Galicia xa temos moito camiño feito, pero se a situación segue sendo tan complicada haberá que tomar decisións adicionais que esperamos que, como ata o de agora, non afecten ao mantemento do núcleo duro do Estado de benestar, aínda que conleven maiores esforzos e sacrificios á administración, os empregados públicos e a propia sociedade”.













