Os populares galegos piden á Xunta desenvolver o regulamento da Lei de Depósito Legal

Nunha proposición non de lei, considera fundamental garantir o acceso a este patrimonio e á rica información que contén por parte das xeracións presentes e futuras de galegos

O GRUPO POPULAR DEMANDA Á XUNTA DE GALICIA  DESENVOLVER O REGULAMENTO DA LEI DE DEPÓSITO LEGAL PARA CONTRIBUÍR Á PRESERVACIÓN DO PATRIMONIO BIBLIOGRÁFICO GALEGO

  • Permitiría adecuar os procedementos de xestión nas oficinas de depósito legal á nova lexislación, elaborar e manter unha base de datos actualizada de editores de Galicia e difundir o coñecemento da nova lexislación nos sectores afectados 

  • A nova normativa ten como finalidade adaptar o depósito do patrimonio bibliográfico aos cambios producidos nos últimos tempos no mundo da edición pola aparición das novas tecnoloxías, novos soportes e documentos en rede 

Santiago, 22 de xaneiro de 2012.- O Grupo Popular, a través do seu voceiro de Cultura, Agustín Baamonde, presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que insta á Xunta de Galicia o desenvolvemento regulamentario xeral da Lei 23/2011 de depósito legal, co obxectivo de impulsar a adecuación das oficinas do depósito legal á nova lexislación; elaborar e manter unha base de datos actualizada de editores de Galicia; difundir o coñecemento desta nova lexislación aos sectores afectados; e preservar e expandir o patrimonio dixital galego. 

A recente aprobación o pasado mes de xullo, por unanimidade na Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados, da nova Lei de Depósito Legal adapta o depósito do patrimonio bibliográfico aos cambios producidos nos últimos tempos no mundo da edición, principalmente como consecuencia do rápido desenvolvemento das novas tecnoloxías, da aparición de novos soportes  e dos documentos en rede. 

Un rápido desenvolvemento desta nova lexislación, que vén substituír unha normativa que databa de principios da década dos anos setenta do século pasado, permitiría unha mellor adaptación ás novas realidades existentes no eido da edición e, polo tanto, axudaría a contribuír ao obxectivo básico da preservación do patrimonio bibliográfico, sonoro,visual, audiovisual e dixital de Galicia. 

GARANTIR O ACCESO AO PATRIMONIO BIBLIOGRÁFICO 

Este desenvolvemento regulamentario da Lei de Depósito Legal podería considerarse fundamental para garantir o acceso ao patrimonio bibliográfico e á rica información que contén, tanto en papel como noutros soportes tanxibles ou en rede, por parte das xeracións presentes e futuras de cidadáns galegos. 

No caso concreto da Comunidade galega, a inauguración e posta en funcionamento das sedes da Biblioteca e do Arquivo de Galicia a inicios do pasado 2011 supuxo a súa incorporación como novos espazos dedicados ao patrimonio bibliográfico e documental, representando un paso fundamental para a promoción e difusión da cultura galega. 

O Grupo Parlamentario Popular considera fundamental nestas circunstancias que a Xunta de Galicia proceda, coa máxima urxencia posible, ao desenvolvemento regulamentario xeral da Lei de Depósito Legal. Esta adaptación a esta nova normativa permitiría adecuar os procedementos de xestión nas oficinas de depósito legal á nova lexislación, elaborar e manter unha base de datos actualizada de editores de Galicia e difundir o coñecemento da nova lexislación nos sectores aos que atinxe, especialmente ao sector audiovisual. 

Así mesmo, posibilitaría a regulamentación do procedemento de constitución do depósito das publicacións electrónicas en liña en Galicia, unha vez sexa desenvolvida regulamentariamente a súa descripción por parte do Goberno central, coa finalidade de preservar e difundir o patrimonio dixital galego.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar