Puy di que o obxectivo é que "o AVE sexa prioritario, sen novas demoras inxustificadas"

O voceiro do Grupo Popular afirmou que o novo período de sesións vai ser “intenso e productivo a nivel de actividade lexislativa”

PEDRO PUY AFIRMA QUE “O OBXECTIVO É QUE O AVE SEXA PRIORITARIO, SEN NOVAS DEMORAS INXUSTIFICADAS E COÑECER CON LEALDADE O ESTADO DAS OBRAS E AS ACCIÓNS FUTURAS”

  • Puy anunciou unha proposta sobre a xestión dos aeroportos na liña de “reforzar a importancia estratéxica das tres instalacións galegas , a súa coordinación e de que forman un conxunto que serve ao total do país” 

Santiago, 9 de xaneiro de 2012.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou hoxe que “o noso obxectivo é que as obras de construcción do tren de alta velocidade sexan prioritarias, que non se establezan novas demoras inxustificadas e se informe con lealdade de cal é o estado da situación e as accións que se van emprender no futuro”. Puy afirmou que o novo período de sesións vai ser “intenso e productivo a nivel de actividade lexislativa” e avanzou a presentación dunha proposta do Grupo Popular sobre a xestión dos aeroportos galegos na liña de “reforzar a importancia estratéxica das tres  instalacións galegas, a súa coordinación e de que forman un conxunto que serve ao total do país”. 

Pedro Puy indicou que o Grupo Parlamentario Popular “está a traballar nas iniciativas e previsións de traballo para o período de sesións que comeza agora”. En concreto, salientou que “seguimos traballando a nivel de ponencia nos proxectos lexislativos que se atopan en tramitación, como o proxecto de Lei de Bibliotecas, o de protección xeral dos consumidores, o do Deporte de Galicia e o da área metropolitana de Galicia”. 

IMPORTANTE PAQUETE DE INICIATIVAS LEXISLATIVAS 

Xunto con esto, o voceiro do Grupo Popular avanzou que nos vindeiros meses “vai haber un importante paquete de iniciativas lexislativas presentadas polo Goberno galego, entre as que salientan a nova Lei do Solo, sobre a que está previsto que nas vindeiras semanas a Consellería remita aos grupos parlamentarios un documento base para que fagan valoracións e aportacións; a nova Lei de Universidades, que tamén xa está a nivel de consulta cos distintos responsables das tres institucións galegas; e a nova Lei de Montes, que xa iniciou os seus trámites de consulta ao Consello Económico e Social”. 

Entre as iniciativas de impulso ao Goberno galego nas que traballa o Grupo Popular, Pedro Puy destacou unha relacionada coa xestión dos aeroportos galegos. “Hai que chegar a acordos entre o sector turístico galego, os tres concellos con instalacións aeroportuarias e a propia Administración do Estado, e superar as discrepancias existentes se queremos que os aeroportos galegos sexan atractivos para incrementar o número de voos e de pasaxeiros”, sinalou. 

Neste sentido, Puy reiterou “a máxima disposición da Xunta de Galicia para chegar a acordos, loitando contra a paulatina falta de atracción e competitividade do sistema aeroportuario galego e buscando algunha medida de impulso e racionalización dunhas instalacións que debería permitir unha maior entrada de pasaxeiros e un mellor saldo comercial”. 

OUTRAS PROPOSICIÓNS 

Ademais desta proposición, o Grupo Popular ten previsto presentar outras que avogan por unha coordinación entre a Xunta e o Goberno central en materia de investimentos en infraestruturas ou na celebración de reunións do Consello Interterritorial de Saúde, así como, no ámbito das competencias autonómicas, impulsar iniciativas dirixidas ao desenvolvemento da Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para que os programas de intervención nas patoloxías crónicas contemplen unha estratificación de pacientes segundo o nivel de complexidade; ou facilitar o tratamento, dentro do sistema sanitario galego, dos familiares de pacientes con enfermidades mentais. 

AVE, PRIORITARIO PARA GALICIA 

Respecto ás obras do tren de alta velocidade, Pedro Puy demandou “prudencia e esperar que os novos responsables do Ministerio de Fomento fagan un balance de situación do estado das obras, das licitacións e dos pagos”. “Unha vez se coñeza a situación real destas obras e do que queda pendente, haberá reunións entre responsables do Goberno central e da Xunta para programar unhas obras prioritarias para o desenvolvemento da nosa comunidade autónoma”, manifestou. 

“O importante é que se saiban como están as cousas e que haxa un compromiso certo e realista, porque levamos moitos anos de promesas de datas irreais e de incumprimentos dos acordos recollidos no Pacto do Obradoiro por parte do anterior ministro de Fomento, José Blanco”, sinalou Puy. Así mesmo, situou estas demandas “sempre desde a defensa dos intereses de Galicia, que neste caso pasa porque non se esqueza esta obra nun momento no que o gasto público está sendo fortemente condicionado por unha situación económica moi deteriorada”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar