Puy salienta “o importante labor” e “fonda pegada” que deixan Fernández Currás e Farjas

O voceiro do Grupo Popular demandou aos socialistas “prudencia á hora de establecer as consecuencias dos axustes que se están a facer nos orzamentos do Estado en relación con Galicia”

Pedro Puy salienta “o importante labor”  e “fonda pegada na xestión pública” que deixan as ex conselleiras Marta Fernández e Pilar Farjas

  • “Os galegos deberíamos estar tranquilos porque o Goberno central está a ter en conta as necesidades de gasto tanto das comunidades autónomas como dos concellos”, sinalou 

Santiago, 2 de xaneiro de 2012.- O voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, salientou hoxe “o importante labor” desenvolvido polas ex conselleiras de Facenda e Sanidade, Marta Fernández Currás e Pilar Farjas Abadía, respectivamente, “que deixan unha boa e fonda pegada no que é a xestión pública galega e o Partido Popular deséxalles que teñan un mesmo nivel de éxitos na administración central do Estado”. Puy demandou aos socialistas “un pouco de prudencia á hora de establecer as consecuencias dos axustes que se están a facer nos orzamentos do Estado en relación con Galicia” e concretou que “os galegos deberíamos estar tranquilos porque o Goberno central está a ter en conta as necesidades de gasto tanto das comunidades autónomas como dos concellos”. 

Pedro Puy subliñou que Marta Fernández e Pilar Farjas son “dúas persoas que tiveron unha intensa actividade neste Parlamento que se traduciu en decisións importantes”. “O feito de que se consoliden a nivel nacional algunhas das decisións adoptadas en Galicia tanto no ámbito sanitario como financeiro é unha proba de que imos polo bo camiño”, indicou. 

ORZAMENTOS E CONTROL DO DÉFICIT 

Respecto á ex conselleira de Facenda, o voceiro do Grupo Popular lembrou o papel desempeñado “para que Galicia fose unha das primeiras comunidades autónomas de España que adaptou a directiva europea que regula o mercado interior”, ao que sumou “a importante lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira, onde tamén fomos a primeira comunidade autónoma que adoptamos esta normativa”. 

Así mesmo, Puy recordou a participación de Marta Fernández no proceso que desembocou na fusión das caixas de aforros galegas, “que permitiu que Galicia aínda manteña hoxe unha entidade financeira de peso en España”, e outras normas aprobadas baixo o seu mandato, como a Lei de Patrimonio, a Lei que reforma o sistema estatístico galego ou a Lei do  Consello Galego da Competencia. 

“O mellor resumo é a aprobación das sucesivas leis de orzamentos, que na súa execución permitiron a Galicia, xunto con Madrid, ser a única comunidade autónoma que cumpriu os compromisos de estabilidade, axustándose ao pactado dos obxectivos de déficit”, manifestou Pedro Puy. Neste sentido, subliñou que “se o resto das comunidades autónomas e a Administración central tivesen actuado da mesma maneira, hoxe non estaríamos asistindo á necesidade de adoptar outras medias máis drásticas e importantes como as que ven de tomar o Goberno de Rajoy”.

 

GASTO FARMACEÚTICO E NOVAS INFRAESTRUTURAS SANITARIAS 

Sobre a ex conselleira de Sanidade, o voceiro do Grupo Popular lembrou “o aforro que supuxo para a comunidade autónoma a racionalización do gasto farmacéutico, coa aprobación da proposición de lei que regulaba o catálogo de medicamentos financiado con cartos públicos”, así como “o seu forte impulso, en tempo de carencias orzamentarias, á dotación necesaria para o funcionamento e apertura do Hospital de Lugo, o impulso e posta en marcha das obras de construcción do novo hospital de Vigo e, máis recentemente, o proxecto de mellora e acondicionamento do Hospital de Ourense”. 

Puy tamén salientou medidas de carácter xestor adoptadas por Pilar Farjas, como a redución das listas de espera de enfermos de prioridade 1 e a posta en marcha das áreas integradas para a xestión, que permiten situar aos pacientes no centro do sistema e unha maior coordinación entre a atención primaria e a especializada. 

Á espera do nomeamento dos novos responsables destas áreas do Goberno galego, Puy sinalou que “estase a proceder a unha continuidade administrativa ordinaria, onde, como é normal, o conselleiro da Presidencia asume o despacho ordinario dos asuntos destas dúas consellerías”. 

“A Administración segue funcionando con normalidade e o presidente, unha vez analizadas as circunstancias e adoptadas as decisións sobre os novos conselleiros ou conselleiras, fará pública esa decisión”, sinalou.

 

CONTAS DA VELLA DOS SOCIALISTAS 

Cuestionado sobre os efectos dos recortes aprobados polo Goberno central en Galicia, Pedro Puy sinalou que os socialistas galegos “están facendo as contas da vella e uns cálculos pouco solventes desde un punto de vista técnico”. Por este motivo, pediulles “un pouco de prudencia á hora de establecer cales son as consecuencias dos axustes que se están a facer nos orzamentos do Estado en relación con Galicia”. 

O voceiro do Grupo Popular explicou que no propio decreto de medidas aprobado o pasado venres polo Goberno central “hai unha sensibilidade polo financiamento das administracións territoriais que, desgraciadamente, non vimos no pasado”. 

En primeiro lugar, sinalou que “contémplase especificamente a ampliación e o incremento das contías previstas para a súa transferencia ás comunidades autónomas en cumprimento da lei orgánica de financiamento, que este ano será o primeiro de implantación definitiva do novo modelo”. Ademais, se prevé unha convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira relacionado co cumprimento do déficit, “unha cuestión na que Galicia tampouco ten por que estar excesivamente preocupada xa que é unha das poucas comunidades que está a cumprir os obxectivos de déficit pactado”. 

Puy afirmou que tamén hai unha evidente preocupación pola sostenibilidade das finanzas dos concellos, xa que “estamos a falar de que os 900 millóns de euros que suporán a suba do IBI serán ingresos para as entidades locais, unha cifra importante no contexto de recortes xeneralizados no que estamos”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar