O voceiro de Sanidade, Miguel Santalices, lamentou que “a actual dependencia do INSS derivara en problemas de asistencia sanitaria e farmacéutica para moitos galegos nas últimas semanas”
O GRUPO POPULAR REITERA A SOLICITUDE PARA QUE OS SERVIZOS DE SAÚDE DAS AUTONOMÍAS SEXAN OS QUE RECOÑEZAN O DEREITO Á ASISTENCIA SANITARIA DOS CIDADÁNS
- Santalices lamentou os problemas xurdidos, sobre todo con parados de longa duración, aos que o INSS dounos de baixa “e foi a Consellería de Sanidade quen, aplicando o coñecido Código 29, lles recoñeceu o dereito á prestación sanitaria”
- A deputada Marta Rodríguez-Vispo recordou que, coa aprobación do decreto 209/2011, a Consellería de Sanidade “está a cumprir o que lle manda facer a Lei de Saúde de Galicia, aprobada polo anterior Goberno bipartito da Xunta”
- “Con esta iniciativa, dáse un paso imprescindible normativo para establecer os criterios de boa utilización dos servizos sanitarios, coa única finalidade de protexer ao cidadáns que está a utilizar correctamente a sanidade e, por suposto, protexer tamén a sostenibilidade do sistema nacional de saúde”, sinalou
Santiago, 28 de decembro de 2011.- O voceiro de Sanidade do Grupo Popular, Miguel Santalices, reiterou hoxe no Parlamento galego a solicitude para que “os servizos de saúde das comunidades autónomas sexan os que recoñezan o dereito á asistencia sanitaria dos cidadáns, e non como se está a facer neste momento a través do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e que derivou en problemas de asistencia sanitaria e farmacéutica para moitos galegos nas últimas semanas”.
Santalices recordou que tanto a Constitución Española como a Lei Xeral de Sanidade garanten o dereito universal á asistencia sanitaria, pero considerou “lóxico que, se a sanidade se financia polos impostos e as súas competencias están transferidas ás comunidades autónomas, o recoñecemento da prestación sanitaria corresponda ás administracións autonómicas”.
Neste sentido, lamentou os problemas xurdidos nas últimas datas, sobre todo con desempregados de longa duración, aos que o INSS dounos de baixa “e foi a Consellería de Sanidade quen, aplicando o coñecido Código 29, lles recoñeceu o dereito á prestación sanitaria”. “Que pinta o Instituto Nacional da Seguridade Social nesto: nada, só complicar a vida aos cidadáns”, manifestou o voceiro do Grupo Popular.
Miguel Santalices pediu desculpas polo trastorno que estas accións do INSS ocasionaron á xente, pero subliñou que “tampouco é bo que se faga demagoxia por parte da oposición dicindo que esto se fixo para aforrar”.
Para rematar, o voceiro do Grupo Popular demandou aos grupos da oposición que, “se falamos de xustiza sanitaria, non lles parece máis salientable poñer enriba da mesa outros problemas, como a prestación farmacéutica en función da renda”.
LOITA CONTRA O FRAUDE
Pola súa banda, a deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo respostou a unha proposición non de lei presentada polo BNG respecto á disposición adicional única do decreto 209/2011 polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias recordando que “a Consellería está a cumprir con este decreto o que lle manda facer a Lei de Saúde de Galicia, aprobada polo anterior Goberno bipartito da Xunta”.
“Con esta iniciativa, o único que está a facer a Consellería de Sanidade é dar un paso imprescindible normativo para establecer os criterios de boa utilización dos servizos sanitarios, coa única finalidade de protexer ao cidadáns que está a utilizar correctamente a sanidade e, por suposto, protexer tamén a sostenibilidade do sistema nacional de saúde que nestes momentos atópase cunha débeda de máis de 18.000 millóns de euros”, explicou a deputada.
Marta Rodríguez-Vispo concretou que a postura do Partido Popular respecto á sanidade “é racionalizar o consumo farmacéutico e loitar contra o fraude, entre outras medidas, porque este uso fraudulento da sanidade o estamos a pagar todos cos nosos impostos e o actual Goberno galego está adoptando medidas para solucionar este problema”.
Neste sentido, anotou que o Goberno galego “ten que tomar todas as medidas que permitan que os galegos que utilizan correctamente a sanidade pública sigan facéndoo e ten que poñer as cousas moi difíciles a quen queira vir a utilizar a sanidade pública de Galicia sen dereito, sen contribuír ou utilizando a pillaxe”.
“A introducción desta disposición no decreto polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do SERGAS e nas fundacións públicas sanitarias só pretende evitar o fraude ao sistema sanitario e, dado que os recursos son limitados, todos deberíamos estar de acordo na loita contra o mesmo”, afirmou Rodríguez-Vispo.













