Ruiz Rivas: "É evidente que o traballo dos brigadistas está a ser óptimo"

Para o portavoz do Grupo Popular, “a falta de respecto é censurar que se lembre que o falecemento de dous membros do operativo constitúe a traxedia desta campaña”  

RUIZ RIVAS: “É EVIDENTE QUE O TRABALLO DOS BRIGADISTAS ESTÁ A SER ÓPTIMO POR MOITO QUE A OPOSICIÓN QUEIRA CONVERTER ESA EVIDENCIA NUNHA POLÉMICA ABSURDA”

  • “Socialistas e nacionalistas deberan centrar as súas acusacións nos incendiarios, que son os únicos culpables, en lugar de manter o espectáculo bochornoso que ofrecen intentando desesperadamente equiparar a xestión deste ano coa catástrofe do 2006, na que a nefasta dirección do operativo propiciou que os lumes se estenderan sen control provocando catro mortes e preto de cen mil hectáreas arrasadas”.

Santiago, 25 de agosto de 2010.- Ante as declaracións “desaforadas” escoitadas en relación coa loita contra os incendios forestais, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, salienta que “é evidente que o traballo dos brigadistas está a ser óptimo por moito que a oposición queira converter esa evidencia nunha polémica absurda”. Ruíz Rivas lamenta que os incendios “continúen a ser en Galicia unha lacra contra a que todos debemos loitar”, pero entende que “a maioría dos galegos coincidirá en que o difícil labor que están a desenvolver os membros das cuadrillas é digno do maior dos recoñecementos e, nese sentido, cualificalo de óptimo é de xustiza”. 

Para o portavoz do Grupo Popular, “a falta de respecto é censurar que se lembre que o falecemento de dous membros do operativo constitúe a traxedia desta campaña”. Así, “sinalar esas dúas mortes como o máis lamentable da loita deste ano é unha forma de render homenaxe aos dous brigadistas e de resaltar o esforzo de todos os membros dos equipos de extinción”, apunta o deputado, quen lembra que “efectivamente, o problema verdadeiramente grave, a verdadeira desgracia é que faltan dous dos seis mil, e quen critica que se diga iso demostra pouco respecto e menos escrúpulos”. 

Ruiz Rivas reitera que “socialistas e nacionalistas deberan centrar as súas acusacións nos incendiarios, que son os únicos culpables, en lugar de manter o espectáculo bochornoso que ofrecen intentando desesperadamente equiparar a xestión deste ano coa catástrofe do 2006, na que a nefasta dirección do operativo propiciou que os lumes se estenderan sen control provocando catro mortes e preto de cen mil hectáreas arrasadas”. Un desastre “do que ninguén no Bipartito asumiu responsabilidade algunha, negándose incluso a crear unha comisión de investigación”, polo que “resulta vergoñento escoitar agora aos mesmos partidos daquel bigoberno pedir investigacións, responsabilidades e falar mesmo de dimisións”. 

CONDICIÓNS MOITO MÁIS ADVERSAS 

O presente verán “non pode nin compararse co de hai catro anos en ningún sentido”, sinala, “porque este ano as condicións climatolóxicas son moito máis adversas en canto a vento e temperatura e, sobre todo, porque o operativo está a dirixirse con eficacia, e é por iso que a extensión afectada polos lumes está a ser moitísimo menor”. 

Nese sentido, destaca que “aínda que lamentablemente moitos galegos sufriron os efectos destes actos criminais, calquera pode comprobar como este ano os equipos de extinción chegan aos lumes coa maior rapidez e se destinan a cada un deles os medios necesarios, tanto terrestres como aéreos”, a diferencia do ocorrido en 2006, cando “os cidadáns víanse abandoados porque multitude de focos quedaban sen atender e o lume avanzaba descontroladamente ata ameazar a persoas e bens”. 

Os integrantes do Bipartito “deben convencerse de que nunca lograrán borrar da memoria colectiva o seu tráxico fracaso neste eido”, conclúe o portavoz parlamentario do PPdeG, quen suxire, polo tanto, “que deixen de facer o ridículo con intentos desesperados e se sumen, atendendo á responsabilidade que lles corresponde, ao necesario esforzo colectivo para acabar con esta lacra”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar