Pedro Puy confía en que, despois da análise feita hoxe por Mª José Caride, o PSdeG apoie a iniciativa do Grupo Popular para reclamar ao Estado o aprazamento do pagamento da débeda
O PPdeG ENTENDE LÓXICA A PREOCUPACIÓN DOS SOCIALISTAS POLA SITUACIÓN ECONÓMICA ANTE A DESASTROSA POLÍTICA DE ZAPATERO, A SÚA TEIMA POR FACER PAGAR AOS CIDADÁNS OS SEUS ERROS E A CONFUSIÓN CONTINUA QUE XERA O SEU GOBERNO
- “Resulta unha vez máis chamativo que os socialistas galegos sigan a dar como única opción a de subir os impostos, o que no marco autonómico agravaría aínda máis a situación das familias galegas”.
Santiago, 23 de agosto de 2010.- O Partido Popular de Galicia entende lóxica a preocupación amosada hoxe polos socialistas, a través da súa deputada Mª José Caride, pola situación económica ante a desastrosa política de Zapatero, a súa teima por facer pagar aos cidadáns os seus erros e a confusión continua que xera o seu Goberno. “Resulta chocante escoitar a unha deputada socialista dar leccións sobre paro ou sobre loita contra a crise cando todos os galegos están a padecer as políticas socialistas do Goberno central”, afirma o voceiro de Economía do Grupo Popular, Pedro Puy.
Pedro Puy confía en que, despois da análise feita hoxe por Mª José Caride, o PSdeG apoie a iniciativa do Grupo Popular para reclamar ao Estado o aprazamento do pagamento da débeda. “Precisamente porque compartimos a preocupación pola situación que está a atravesar a economía galega, especialmente das persoas que non atopan emprego, o Grupo Popular considera que no é o mellor momento para seguir limitando a capacidade de gasto da comunidade autónoma de Galicia esixindo a devolución dos anticipos a conta recibidos nos anos 2008 e 2009 como consecuencia dos erros orzamentarios dos socialistas”, apunta Puy, quen confía en que, “cando sometamos a votación a PNL que presentamos no Parlamento para adiar a devolución, os socialistas a apoien”.
Malia compartir a preocupación pola situación, Pedro Puy lembra que as iniciativas adoptadas pola Xunta “están a contribuír notablemente a que a economía galega estea paliando os efectos dunha crise que ten unha especial virulencia en España como consecuencia das políticas dos socialistas”.
XACOBEO E EXPORTACIÓNS
Así, fai referencia ao Xacobeo, “que eles auguraron que ía ser un fracaso e, polo contrario, está axudar a dinamizar sectores como o da hostalería ou o do pequeno comercio”. Igualmente, indica, “pódese comprobar que a aposta pola internacionalización das empresas da Xunta, que se incorpora ao Plan Estratéxico que imos debater na Cámara, é o camiño correcto á luz dos datos de exportacións coñecidos recentemente, xa que son o sector que está a tirar máis do crecemento da economía galega”.
En relación coas contas públicas, para o deputado do PPdeG “resulta unha vez máis chamativo que mentres que foi en Galicia onde se comezou coa política de austeridade no gasto público e mentres Zapatero vese obrigado a facer recortes que afectan aos concellos e comunidades autónomas, os socialistas galegos sigan a dar como única opción a de subir os impostos, o que no marco autonómico agravaría aínda máis a situación das familias galegas”.
Así mesmo, Puy asegura que o PP “presenta alternativas serias” fronte aos “globos sondas sobre os impostos que lanzan os socialistas” e que o único que logran é “aumentar a desconfianza dos cidadáns”.













