Para o voceiro de Infraestruturas do PPdeG “é incrible que pretendan dar leccións os que adxudicaron unha obra a sabendas de que non era posible facela e que gastaron 4,2 millóns de euros de todos os galegos para poñer a primeira pedra dunha obra imposible de facer”
GÓMEZ ALONSO:”COAS SÚAS ACCIÓNS O PSOE O ÚNICO QUE PRETENDEN É INFLUÍR E PRESIONAR Á MESA DE CONTRATACIÓN E PARALIZAR A AUTOVÍA DA COSTA DA MORTE”
- “A Xunta de Galicia está a desbloquear e facer viable a construción da autovía, logo da xestión do Goberno anterior caracterizada pola falla de transparencia, na que ocultou que estaba a negociar coa empresa concesionaria un incremento do 18% respecto da tarifa inicial, non facer a autovía entre Baio e Berdoias e rebaixar a calidade das obras” segundo o deputado popular
- Para Gómez Alonso “o certo e que co PSOE o 40% do viario non era autovía e cometeron fraude adxudicando por un importe menor a valoración que fixo a propia Xunta da obra, que foi de 932 millóns de euros ”
- O deputado popular anunciou que o Conselleiro Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comparecerá no Parlamento, a petición propia , para dar conta da adxudicación e do comezo das obras da autovía nunha nova mostra de transparencia, rigurosidade e actuación impecable da actual Xunta de Galicia en todo o proceso
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2010.- O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Gómez Alonso, criticou hoxe na súa intervención na sesión da Deputación Permanente a actitude do PSdeG sobre a autovía da Costa da Morte xa que “coas súas accións o único que pretende é influír e presionar á Mesa de contratación e paralizar a autovía”. Para Gómez Alonso é incrible que pretendan dar leccións os que adxudicaron unha obra a sabendas de que non era posible facela e que gastaron 4,2 millóns de euros de todos os galegos para poñer a primeira pedra dunha obra imposible de facer”.
O voceiro de Infraestruturas do PPdeG defendeu esta postura na petición do PSOE de solicitar unha comparecencia do Presidente da Xunta para explicar as circunstancias e proceso de contratación da autovía da Costa da Morte, ante a que afirmou que “os que verdadeiramente teñen que explicar son os socialistas como puido ser que, e autorizando un gasto de 932 millóns polo anterior goberno bipartito na Xunta de Galicia para unha vía de altas prestacións, acaben adxudicando a obra por 548, ou sexa por un importe un 40% inferior á valoración que fixo a Xunta e que, loxicamente, levou a que a obra non saíra adiante”.
Segundo o deputado popular a realidade é que “a Xunta de Galicia está a desbloquear e facer viable a construción da autovía, logo da xestión nefasta do Goberno bipartito, caracterizada pola falla de transparencia, na que ocultou que estaba a negociar coa empresa concesionaria un incremento do 18% respecto da tarifa inicial, non facer a autovía entre Baio e Berdoias e rebaixar a calidade das obras”.
Gómez Alonso destacou o feito de que o único que fixo o anterior goberno bipartito na Xunta de Galicia por esta autovía “foi un auténtico engano os veciños da Costa da Morte”, xa que anunciou o inicio dunhas obras que eran imposibles de executar polas empresas adxudicatarias tal e como o amosa o feito de que estas, despois de repetidas prórrogas para elaborar o plan económico e financeiro da obra, presentaran en abril do 2009 un escrito requirindo á Xunta o reequilibrio do contrato concesional xa que non era capaz de acadar a financiación necesaria. Para Gómez Alonso “o certo e que co PSOE o 40% do viario non era autovía e cometeron fraude adxudicando por un importe menor a valoración que fixo a propia Xunta da obra ”.
O deputado popular anunciou que o Conselleiro Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comparecerá no Parlamento, “a petición propia , para dar conta da adxudicación e do comezo das obras da autovía da Costa da Morte que é o que queren as veciñas e veciños da zona nunha nova mostra de transparencia, rigurosidade e actuación impecable da actual Xunta de Galicia en todo o proceso”.













