.Pedro Puy salienta que os socialistas galegos “non só foron cómplices”, senón que “aplaudiron” un acto que supuxo “vulnerar o autogoberno” da nosa Comunidade
O auto do TC ratifica que o Goberno de Zapatero presentou un recurso estrictamente político contra a lei de caixas de Galicia, tal como denunciara o PPdeG
- O viceportavoz do Grupo Popular salienta a chamada de atención do Constitucional sobre o feito de que se solicitara a suspensión de artigos completos cando só estaban recorridos algúns incisos dos mesmos.
Santiago, 6 de xullo de 2010.- O Auto do Tribunal Constitucional polo que levanta a suspensión sobre 8 dos 11 puntos da Lei de Caixas de Galicia recorridos polo Goberno central, que foi hoxe comunicado oficialmente, ratifica que o Goberno de Zapatero presentou un recurso estrictamente político contra a dita Lei, tal como denunciara e reiterara o PPdeG. Así o expuxo hoxe en rolda de prensa o viceportavoz e voceiro de Economía e Facenda do Grupo Popular, Pedro Puy, quen destacou que o Auto confirma que o Executivo central fixo “un uso abusivo” da súa prerrogativa de considerar unha lei autonómica como un acto de Goberno. Así, explicou que o Goberno central utilizou o mecanismo previsto polo artigo 161.2 da Constitución, que conleva a suspensión inmediata, “cando podía perfectamente ter recorrido ao que marca o 161.1, previsto para as leis”, polo que se ten que xustificar esa suspensión. Pedro Puy considerou que o Goberno de Zapatero “debería pensar se realmente mantén este recurso ou o levanta á luz deste Auto”.
Pedro Puy salientou tamén que os socialistas galegos “non só foron cómplices”, senón que “aplaudiron” un acto que supuxo “vulnerar o autogoberno” da nosa Comunidade, que deriva do vixente Estatuto de Autonomía. O PSdeG, engadiu, “fixo dun recurso, “que se demostra que era un recurso arbitrario”, unha bandeira “para opoñerse á Lei de Caixas”. De xeito que os socialistas galegos lle fixeron “un fraquísimo favor ao autogoberno de Galicia”, o que os deixa “nun mal lugar”.
MAIORÍA NECESARIA PARA A FUSIÓN
En canto ao contido do Auto, o deputado subliñou que o artigo relativo á maioría necesaria para a fusión, “que non foi reformado na Lei galega de Caixas e sobre o que xa había unha resolución expresa do propio Tribunal Constitucional”, este fai alusión a esa sentencia e di “que esa maioría é perfectamente válida”. Tamén afirmou que, con respecto á renovación, o Tribunal Constitucional di que a Lei inclúe unha renovación parcial tamén acorde coa doutrina do propio Tribunal. Estes dous últimos puntos, os relativos á fusión e á renovación parcial, eran “os máis controvertidos politicamente” e sobre os que non había acordo na Comisión Bilateral Xunta-Estado. Dous puntos que foron Así mesmo, referiuse á composición dos consellos de administración e concretamente ao feito de que só o Parlamento de Galicia como institución puidera ter máis dun representante neles, argumento “reiterado para opoñerse á Lei”. A ese respecto, Puy resaltou que o Auto sinala que ese artigo “cumpre a lei estatal” e garante mellor a proporcionalidade e que “haxa distintos intereses reflectidos nos consellos de administración”.
Puy fixo tamén fincapé no feito de que o que se mantén en suspenso son “un apartado dun artigo e dúas frases adicionais”, sobre os que “non hai un problema de interpretación, senón meramente de redacción” para cuxa reforma xa se chegara a un acordo na Comisión Bilateral Xunta-Estado.













