O Grupo Popular propón que se lle pida ao Goberno central que non aplique a suba do IVE

Será unha das súas propostas de resolución no Debate de Política Xeral que se inicia mañá, entre as que tamén incluirán unha dirixida a impulsar o proceso de fusión das caixas de aforros

O GRUPO POPULAR PROPORÁ QUE O PARLAMENTO INSTE Á XUNTA A DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE NON APLIQUE O ANUNCIADO AUMENTO DO IVE

  • Manuel Ruíz Rivas salientou que o documento de alegacións elaborado polos servizos xurídicos da Cámara ao recurso presentado polo Goberno central contra a Lei de Caixas confirma a constitucionalidade da mesma “e confirma as teses do noso partido e da maioría social de Galicia de que estamos ante unha  operación política contra o noso autogoberno”.

  • As propostas de resolución que o Grupo Parlamentario do PPdeG presentará no Debate sobre o estado da Autonomía incidirán especialmente na adopción de medidas para afondar, no marco da concertación social, na loita contra a crise económica e avanzar na creación e fixación de emprego.

Santiago, 15 de marzo de 2010.- No marco dun conxunto de propostas de resolución de carácter económico e financeiro que presentará o mércores no Debate de política xeral, o Grupo Popular proporá que o Parlamento inste á Xunta a demandar ao Goberno central que non aplique finalmente o anunciado aumento do IVE. Así o anunciou hoxe en rolda de prensa o portavoz dos parlamentarios do PPdeG, Manuel Ruíz Rivas, quen resaltou que, “tal como apuntan expertos e organismos nacionais e internacionais, a suba do IVE provocará graves efectos prexudiciais no consumo e, polo tanto, na economía, o que pode levar a que a recesión se manteña durante moito máis tempo”. Os populares consideran que, de levarse a cabo esa medida anunciada polo Goberno socialista, “Galicia sumará un máis á xa demasiado longa lista de prexuízos que está a sufrir polos continuos erros dese Goberno”, polo que, dixo Ruíz Rivas, “non debe permañecer impasible ante o que a maioría considera unha evidente decisión negativa, por moito que Zapatero siga empeñado en facer oídos xordos”.

Doutra banda, o Grupo Popular incluirá tamén entre as súas propostas de resolución para o debate que se inicia mañá unha dirixida a que a Xunta continúe a defender, de acordo coas resolucións aprobadas pola propia Cámara galega, a solvencia e a galeguidade das caixas de aforros de Galicia, o que na actual conxuntura conleva o impulso do proceso de fusión das actuais. O portavoz do Grupo argumentou que o Goberno de Núñez Feijóo “está a defender ao máximo o acordado neste Parlamento en relación con ese asunto, malia as dificultades que, saltándose todos os límites, está a poñer o Goberno de Zapatero”, pero os populares entenden que, precisamente por esa actitude do Executivo central, resulta conveniente que a Cámara “reafirme a súa postura de defensa dos intereses de Galicia”.

 

Manuel Ruíz Rivas salientou que o documento de alegacións elaborado polos servizos xurídicos da Cámara ao recurso presentado polo Goberno central contra a Lei de Caixas confirma a constitucionalidade da mesma “e confirma as teses do noso partido e da maioría social de Galicia de que estamos ante unha  operación política contra o noso autogoberno”. As alegacións remitidas o pasado venres ao Tribunal Constitucional polo Parlamento galego, que solicita a desestimación do recurso, avalan con argumentos legais a constitucionalidade de cada un dos dez puntos recorridos polo Goberno de Zapatero, o que, para Ruíz Rivas, “debera calar moitas bocas que se encheron nas últimas semanas con acusacións sen fundamento”.

Igualmente, cualificou de “disparatadas” as críticas vertidas polo PSdeG en relación co dito documento de alegacións. O portavoz do Grupo Popular lembrou que a presentación do prego deriva dun acordo adoptado pola Mesa da Cámara o pasado 2 de marzo e que o único que fai o Parlamento é “exercer o seu dereito de defensa da constitucionalidade das leis que aproba”, así como das competencias da Comunidade Autónoma, polo que considerou “inexplicable” que un deputado autonómico “se posicione en contra do exercicio dese dereito”. Doutra banda, Ruiz Rivas lembrou que foron os propios socialistas, “e persoalmente o seu secretario xeral”, os que “hai poucas datas criticaban que non houbese un informe dos servizos xurídicos do Parlamento que avalara a constitucionalidade da Lei de Caixas”, polo que “resulta aínda máis incomprensible que, agora que teñen o informe, o critiquen”. Para o deputado popular, a única razón que se agocha detrás de tales críticas “é que ese informe desmonta as súas teorías”.

 

AFONDAR NA LOITA CONTRA A CRISE ECONÓMICA

 

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o portavoz do Grupo Popular considerou que o debate de política xeral que se desenvolverá ao longo dos dous próximos días na Cámara servirá para evidenciar que “en tan só once meses, e desde o peor punto de partida posible”, debido ás “irreais previsións, a paralización de temas fundamentais e a nula capacidade de planificación que deixou o Bipartito”, o Goberno de Feijóo “foi quen de poñer en marcha as medidas imprescindibles para abordar as prioridades de Galicia e de sentar as bases para afrontar os retos, non só do presente, senón do futuro”. Unha xestión que, en opinión do deputado, conseguiu o que era máis urxente, como é “devolver a confianza aos cidadáns”.

Para contribuír a afondar nese traballo, as propostas de resolución que o Grupo Parlamentario do PPdeG presentará no Debate sobre o estado da Autonomía incidirán especialmente na adopción de medidas para afondar, no marco da concertación social, na loita contra a crise económica e avanzar na creación e fixación de emprego. “Abordar a crise económica era o prioritario”, explicou Ruíz Rivas, quen indicou que “agora hai que seguir avanzando nese camiño, porque é moito o que queda por facer”.

 

Así, os populares presentarán propostas relativas ao Fondo de Cooperación Local; a racionalización do gasto público; a reactivación económica; a eficiencia da Administración; o apoio ao tecido empresarial e, singularmente, á internacionalización das empresas; a inserción laboral dos desempregados e o fomento da estabilidade no emprego; o acceso ao emprego dos mozos; apoio ao emprego autónomo e aos emprendedores; ou políticas de conciliación e de apoio á inserción laboral das mulleres. “Mellorar a economía constitúe o piar fundamental para acadar unha axeitada política social”, sinalou Ruíz Rivas, quen explicou que, entre o resto de propostas de resolución do seu Grupo, inclúense varias sobre o benestar, ademais doutras sectoriais.

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar