Ruiz Rivas: "Feijóo ten cambiado a Galicia a mellor cun Goberno cos pes no chan"

O portavoz do Grupo Popular destacou que o Executivo do PPdeG “tivo que facer máis con menos” e demostrou que “a protección social non é algo da esquerda”

RUÍZ RIVAS SALIENTA QUE NÚÑEZ FEIJÓO “TEN CAMBIADO A GALICIA A MELLOR”, CUN GOBERNO “QUE TEN OS PES NO CHAN”, QUE “NON FUXE DA REALIDADE” E CUNHA “INDUBIDABLE CAPACIDADE DE XESTIÓN”

  • O Plan de Austeridade na Administración, que supuxo un aforro de 140 millóns de euros; o Plan de Emprego; a rebaixa de impostos; o Decreto da Dependencia; o espectacular incremento das axudas do IGAPE; as accións para que Galicia recupere a súa posición de liderazgo nos sectores eólico e acuícola; o Plan Move de infraestruturas; o Plan Re-Móvete de apoio á automoción; ou a volta ao diálogo nos sectores agrario e pesqueiro, demostran para o deputado que o Goberno de Feijóo foi “consciente da situación” desde o primeiro momento e traballou nestes dez meses para apoiar con decisión aos sectores produtivos e blindar a protección social, desde un modelo claro de desenvolvemento.

  • O deputado  afirmou que o Goberno do Estado quere “torpedear” un proceso destinado a que Galicia siga presente no mapa financeiro español, mediante a Lei de Caixas que, lembrou, “naceu dun acordo entre os grupos”, que un deles “dinamitou”, en referencia ao PSdeG, “que non é quen de defender o seu Estatuto e funciona como unha sucursal de Ferraz”.

Santiago, 26 de febreiro de 2010.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, salientou hoxe que Alberto Núñez Feijóo “ten cambiado a Galicia a mellor”, cun Goberno “que ten os pes no chan”, que “non fuxe da realidade” e cunha “indubidable capacidade de xestión”. Nunha valoración ante os medios de comunicación do primeiro ano transcorrido desde as eleccións autonómicas do 1 de marzo de 2009 e dos primeiros dez meses do novo Goberno galego, Ruíz Rivas contrastou a situación anterior, “cun goberno dividido, que non tiña capacidade de xestión e alonxado da realidade”, o que non permitía “xerar a confianza necesaria, especialmente en tempo de crise”, á de despois de que os galegos decidiran maioritariamente apoiar ao PP, o que posibilitou pasar a ter un Goberno “consciente da realidade e que tenta mellorala día a día con visión clara e capacidade de xestión”.

O portavoz do Grupo Popular destacou que o Executivo do PPdeG “tivo que facer máis con menos”, debido ás dificultades coas que se atopou herdado dun Goberno “que vía e quería facer ver a Galicia como o País das Marabillas”, e que lle obrigou a afrontar “os primeiros presupostos da historia da Comunidade que son inferiores aos do ano anterior” e demostrou que “a protección social non é algo da esquerda”. Ademais de ser consciente da situación de crise, o actual Goberno foi tamén conscientes de que había que “blindar o gasto social”, apuntou Ruíz Rivas, quen lembrou que se dedica a ese gasto o 70 por cento dos orzamentos.

O Plan de Austeridade na Administración, que supuxo un aforro de 140 millóns de euros e permitiu cumprir os criterios de estabilidade; o Plan de Emprego; a rebaixa de impostos; o Decreto da Dependencia; o espectacular incremento das axudas do IGAPE; as accións para que Galicia recupere a súa posición de liderazgo nos sectores eólico e acuícola; o Plan Move de infraestruturas; o Plan Re-Móvete de apoio á automoción; ou a volta ao diálogo nos sectores agrario e pesqueiro, demostran para o deputado que o Goberno de Feijóo foi “consciente da situación” desde o primeiro momento e traballou nestes dez meses para apoiar con decisión aos sectores produtivos e blindar a protección social, desde un modelo claro de desenvolvemento.

Un modelo no que o portavoz parlamentario do PPdeG enmarcou tamén o Pacto do Obradoiro para o AVE, “no que se viu o realismo e a firmeza do Goberno galego” ao decidir que “non máis mentiras” e no que “foi Núñez Feijóo o que fixo que unha Administración que era incumpridora se puxera as pilas e empezara a cumprir”.

GOBERNO DIALOGANTE

Ruíz Rivas resaltou, igualmente, que o Goberno de Núñez Feijóo “é un Goberno dialogante”, e mencionou ao respecto os acordos coa FEGAMP para a Lei do Solo, acordos coa oposición “á que se lle ofrecer poder participar nos presupostos deste ano 2010”, no nomeamento do director xeral da CRTVG, na defensa do financiamento autonómico de Galicia, acordos para a ordenación do territorio ou os acordos “que seguimos ofrecendo, e que non se dan alternativas, para defender a lingua galega pero defendendo tamén a todos os galegos”, asunto no que lembrou que tamén se lle deu participación aos pais”. Unha característica, a vocación de diálogo, que estendeu ao Grupo Parlamentario Popular, “que fomos quen de acadar acordos co resto dos grupos para un mellor ordenamento do traballo parlamentario nos plenos”, que posibilita incrementar “a capacidade de impulso e de control da oposición”. Así, indicou que no Parlamento non só se tramitaron 11 proxectos de lei, “senón que, por primeira vez nunha mesma lexislatura, se tomaron en consideración dúas iniciativas lexislativas populares”, ademais de que “hai unha proposición de lei que acabou en lei, o cal non ten precedentes en toda a acción deste Parlamento”.

O deputado referiuse, doutra banda, á defensa da Lei de Caixas, como reacción ás consecuencias para Galicia da crise financeira internacional. A ese respecto, afirmou que o Goberno do Estado quere “torpedear” un proceso destinado a que Galicia siga presente no mapa financeiro español, mediante a Lei de Caixas que, lembrou, “naceu dun acordo entre os grupos”, que un deles “dinamitou”, en referencia ao PSdeG, “que non é quen de defender o seu Estatuto e funciona como unha sucursal de Ferraz”.

“Posiblemente nestes momentos non teñamos o país que quixeramos ter”, concluiu Ruíz Rivas, quen apuntou que “as circunstancias son as que son” pero o Goberno “está traballando firmemente con unidade e criterio” e, aínda que “nos gustaría tamén que a herencia fora outra para permitir que estiveramos vivindo outra realidade”, amosou a súa convicción de que “cun Goberno que ten os pes no chan, as ideas claras e a intención e firme vontade de ser respectuoso cos galegos e non enganalos é moito máis fácil saír deste momento de crise e conseguir que Galicia estea na senda de crecemento neste ano 2010”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar