PPdeG, disposto a negociar a reforma do Estatuto cando se restableza confianza dos grupos

Pedro Puy lembra que o momento político que, segundo PSOE e BNG, non aconsellaba reabrir o debate tra-lo intento fracasado da anterior lexislatura non só non mudou, senón que suman novas cuestións como a negativa a transferir competencias

 

O PPdeG EXPRESA A SÚA DISPOSICIÓN A NEGOCIAR A REFORMA DO ESTATUTO CANDO SE DEAN AS CIRCUNSTANCIAS QUE PROPICIEN UN PACTO E SE RESTABLEZA A CONFIANZA MUTUA DOS GRUPOS

 

 

• O viceportavoz do Grupo Popular salientou que lograr consensos desde o respecto mutuo “só depende de todos nós”, pero moi especialmente “de quen, de momento, non está a demostrar, en cuestións tan trascendentes como a das caixas, que antepón, por riba de calquera outro, os intereses de Galicia, de todos e cada un dos galegos e galegas”.

 

• Puy fixo referencia a que o entón líder socialista condicionou no seu momento a reapertura das negociacións á clarificación doutros procesos como os relativos ao estatuto de Euskadi ou de Cataluña, que seguen pendentes, mentres que o do BNG esperaba por unha maior presencia do nacionalismo, cuestión que non se ten producido.

 

 

Santiago, 24 de febreiro de 2010.- O Partido Popular de Galicia expresou hoxe no Pleno do Parlamento a súa disposición a negociar a reforma do Estatuto de Autonomía pero cando se dean as circunstancias que propicien e se restableza a confianza mutua dos grupos en canto “que todos imos afrontar a reforma procurando consensos, que é como se debe abordar as reformas de carácter institucional básico”. Así o puxo de manifesto o viceportavoz do Grupo Popular Pedro Puy, na súa intervención no debate dunha iniciativa do PSdeG, na que lembrou que o momento político que, segundo PSOE e BNG, non aconsellaba reabrir o debate tra-lo intento fracasado da anterior lexislatura non só non mudou, senón que suman novas cuestións como a negativa a transferir competencias.

 

O viceportavoz do Grupo Popular salientou que lograr consensos desde o respecto mutuo “só depende de todos nós”, pero moi especialmente “de quen, de momento, non está a demostrar, en cuestións tan trascendentes como a das caixas, que antepón, por riba de calquera outro, os intereses de Galicia, de todos e cada un dos galegos e galegas”.

 

O deputado popular resaltou que o seu partido “mostrouse disposto a reabrir o proceso, instando ao Goberno, como medio para facilitalo, e dado que a súa estabilidade parecía estar entre as causas internas que adiaron a reforma, á presentación dun proxecto conxunto PSdeG-BNG que nunca se presentou”. Unha postura, engadiu, que “por coherencia, se mantivo no programa e no discurso de investidura do presidente da Xunta”.

 

EUSKADI E CATALUÑA

 

Puy fixo referencia a que o entón líder socialista condicionou no seu momento a reapertura das negociacións á clarificación doutros procesos como os relativos ao estatuto de Euskadi ou de Cataluña, que seguen pendentes, mentres que o do BNG esperaba por unha maior presencia do nacionalismo, cuestión que non se ten producido.

 

Actualmente, sinalou Puy, danse ademais novas circunstancias como a negativa do Goberno central a transferir competencias, “mesmo as incluídas no actual texto estatutario”, acompañada da incitación á reforma por parte do secretario de Estado de Cooperación Territorial, sobre a que o parlamentario preguntou se “pode esta

Cámara aceptar condicionantes cando a lei está do seu lado”. Así mesmo, fixo referencia ao recurso “infundamentado” contra a Lei de Caixas para afirmar que “non se respectou o exercicio da potestade lexislativa do noso autogoberno”, e mencionou outros debates xurdidos, como o relativo ás bases sobre a lingua galega.

 

Tras remarcar que o vixente é un Estatuto da primeira xeneración, o das nacionalidades históricas, con “ámbito competencial pleno e ampliable desde o primeiro momento”, Pedro Puy insistiu en que o PPdeG “comparte a conveniencia de reformalo e actualizalo para adaptalo ás novas realidades competenciais, para ampliar o autogoberno e reforzalo”, así como para “mellorar as nosas institucións e a relación financeira co Estado e incrementar a transparencia e o bo goberno”, razóns que levaron ao seu partido a participar “lealmente nos intentos de reforma da lexislatura pasada”.

 

 

 

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar