Ruiz Rivas destaca o compromiso da Xunta co Salnés en Vilagarcía

Os deputados do Grupo Popular analizaron con representantes do sector empresarial as medidas contra a crise postas en marcha pola Xunta, que en 2009 triplicou as axudas ao tecido produtivo de Galicia, superando os 630 millóns de euros

 

RUÍZ RIVAS SALIENTA EN VILAGARCÍA O COMPROMISO DO GOBERNO DE NÚÑEZ FEIJÓO CO SALNÉS, PLASMADO NOS PRETO DE 45 MILLÓNS DE EUROS DESTINADOS Á COMARCA EN 2010

 

• O portavoz dos parlamentarios do PPdeG resaltou que o IGAPE concedeu o pasado ano preto de 330 axudas a empresas da comarca, fronte ás 29 outorgadas en 2008, dentro do esforzo da actual Xunta para contribuír á saída da crise, que se traduce, entre outros datos, nun incremento de 1.146% do financiamento subsidiado polo dito Instituto, ou en Plans como o Re-móvete para incentivar a venda de vehículos ou os Resolve e Re-Brote, que destinan 400 millóns de euros para financiar circulante das empresas galegas.

 

• Ruíz Rivas informou tamén aos empresarios das iniciativas do seu partido a nivel nacional para paliar os efectos da crise en autónomos e PEMES, entre as que salientou a Proposición de Lei presentada no Congreso para que se lles exima da obriga de tributar por IVE polas facturas non cobradas.

 

• Os parlamentarios do PPdeG achegáronse á capital arousá en tren, como mostra de apoio ao transporte por ferrocarril e á implantación dun servizo ferroviario de cercanías, que teñen demandada mediante iniciativas na Cámara galega.

 

Santiago, 15 de febreiro de 2010.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Manuel Ruíz Rivas, salientou hoxe en Vilagarcía o compromiso do Goberno de Núñez Feijóo co Salnés, plasmado nos preto de 45 millóns de euros destinados á comarca nos orzamentos do presente ano, o que supón un incremento do 4,7% respecto ás últimas contas do Bipartito, malia a situación de crise económica e os problemas orzamentarios herdados do anterior Goberno. Os Orzamentos da Xunta para o presente exercicio contemplan un total de 29,7 millóns en investimentos, aos que hai que engadir os 15 millóns previstos pola Sociedade Pública de Investimento de Galicia (SPI) para a Autovía Pontevedra-Vilagarcía. Así, esta infraestrutura está dotada para o presente ano cun total de 27 millóns de euros, o que contrasta co programado polo anterior Goberno da Xunta, que presupostou para ela 3 millóns no 2008 e 12,2 en 2009, aprazando a maior parte do investimento para o 2012 e seguintes.

 

Os deputados do Grupo Popular, encabezados por Ruíz Rivas e por Marta Rodríguez Arias, e acompañados polo portavoz municipal do PP, Tomás Fole, e polo deputado nacional Jesús Pérez Arca, analizaron esta mañá con representantes do sector empresarial as medidas contra a crise postas en marcha pola Xunta, que en 2009 triplicou as axudas ao tecido produtivo de Galicia, superando os 630 millóns de euros. Na xuntanza participaron empresarios de diversos sectores, así como representantes de FECA e da Cámara de Comercio.

 

Ademais da autovía, Ruíz Rivas subliñou, entre os investimentos contemplados para o presente ano no Salnés, a partida dun millón de euros para as obras da segunda fase do Hospital do Salnés, ás que se lles dá así un impulso decidido, despois da paralización e o retraso de máis de dous anos provocada pola nula xestión do Bipartito. Igualmente, referiuse ás axudas por paralización de actividades pesqueiras, dotadas con 1,7 millóns de euros, á partida de 1,5 millóns para o acceso ao porto do Xufre ou aos investimentos previstos en materia de augas, entre os que salientou os 4 millóns de euros para a EDAR do Grove ou os 3,8 millóns para a de Ribadumia.

 

AXUDAS ÁS EMPRESAS

 

Doutra banda, o deputado falou do esforzo que o Goberno autonómico está a realizar para loitar contra a crise económica, malia a difícil situación orzamentaria que atopou á súa chegada á Xunta. Así, resaltou que o IGAPE concedeu o pasado ano preto de 330 axudas a empresas da comarca para préstamos incentivables por valor de 4,8 millóns de euros, fronte ás 29 outorgadas en 2008, dentro do esforzo da actual Xunta para contribuír á saída da crise, que se traduce, entre outros datos, nun incremento de 1.146% do financiamento subsidiado polo dito Instituto, ou en Plans como o Re-móvete para incentivar a venda de vehículos ou os Resolve e Re-Brote, que destinan 400 millóns de euros para financiar circulante das empresas galegas.

 

O investimento de 100 millóns de euros para I+D, o Plan Re-Imaxina para empresas de nova creación e microempresas ou o Servizo de Apoio para Autónomos, son outras das accións ás que Ruíz Rivas se referiu como exemplos da política decidida do Goberno de Núñez Feijóo contra a crise, que tivo como primeiras medidas o Plan de Austeridade, que supuxo aforrar 1.144 millóns de euros, ou o Plan de Choque, que acada 1.100 millóns de euros.

 

Así mesmo, referiuse á Lei de reforma do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e actos xurídicos documentados impulsada polo Goberno de Núñez Feijóo que, gracias a unha emenda presentada polo Grupo Popular, inclúe tamén unha rebaixa para a sucesión empresarial.

 

O portavoz do Grupo Popular informou tamén aos empresarios das iniciativas do seu partido a nivel nacional para paliar os efectos da crise en autónomos e PEMES, entre as que salientou a Proposición de Lei presentada no Congreso para que se lles exima da obriga de tributar por IVE polas facturas non cobradas, actualmente en tramitación, aínda que vetado o seu debate. Ademais desa proposición de lei, o PP ten presentado nas Cortes outras iniciativas en favor das PEMES e autónomos, como a dirixida a reducir o tipo do Imposto sobre Sociades ao 20% para as PEMES, aplicar o tipo super reducido de IVE (4%) ao sector turístico, reducir en dous puntos a cotización empresarial á Seguridade Social ou eliminar a subida de impostos proposta polo Goberno central e adaptar a tributación por módulos ás novas condicións derivadas da crise económica.

 

TREN DE CERCANÍAS

 

Os parlamentarios do PPdeG achegáronse á capital arousá en tren, como mostra de apoio ao transporte por ferrocarril e á implantación dun servizo ferroviario de cercanías, que teñen demandada mediante iniciativas na Cámara galega. Os populares avogan por aproveitar as vías que queden en desuso tras a posta en funcionamento do AVE para a implantación das cercanías, que favorecerían a interconexión entre cidades galegas, abarataría custos para os usuarios e permitiría a estes unha maior e máis cómoda mobilidade mediante un medio de transporte con claras vantaxes ambientais e enerxéticas e que constitúe un medio eficiente fronte aos colapsos viarios.

 

Así, en setembro do pasado ano, o Grupo Popular defendeu no Pleno do Parlamento unha proposición non de lei que derivou nun acordo da Cámara para que o Goberno central incluíra nos Orzamentos Xerias do Estado para este ano a implantación do tren de cercanías Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol, como primeiro paso para estender paulatinamente este servizo noutras áreas como Vilagarcía-Santiago-Lavacolla ou Ourense-San Cibrao, así como a creación dunha Xefatura de Cercanías para Galicia.

 

Sen embargo, o Goberno de Zapatero non destinou nin un só euro á implantación do tren de cercanías en Galicia nos Orzamentos de 2010, nos que o Ministerio de Fomento incluíu unha partida de 800 millóns de euros para ese servizo no conxunto do Estado. A última información facilitada polo Ministerio ao respecto foi transmitida na xuntanza da Comisión de Seguemento das obras do AVE en Galicia, celebrada hai unha semana, na que se comunicou que Fomento encargou un estudio para a implantación das cercanías nesta Comunidade, que non estará rematado antes dos vindeiros tres meses.

 

Galicia é a única comunidade autónoma do litoral que carece dun tren de cercanías, mentres que o Ministerio de Fomento dedica importantes recursos orzamentarios para mellorar servizos que xa están implantados ou que ten previsto implantar. É o caso dos 5 millóns de euros destinados a Barcelona, 22 millons á Bahía de Cádiz, 8,2 millóns a Málaga, 1,9 a Asturias ou 5 millóns de euros a Madrid. A comunidade galega non recibiu un só euro nos últimos cinco anos para implantar as cercanías nin para mellorar a nosa rede convencional, a pesar de que do volume global de investimento de Fomento a maior partida é a dedicada a ferrocarrís.

 

A xornada de traballo desenvolvida hoxe en Vilagarcía enmárcase nas actividades que o Grupo Popular desenvolve portas fóra do Parlamento, ao obxecto de coñecer directamente os problemas e necesidades das distintas comarcas e concellos galegos, así como as inquedanzas dos cidadáns e estudiar posibles iniciativas ao respecto. As ditas actividades inclúen xuntanzas con representantes dos sectores económicos e sociais da zona, nas que se enmarcan os “Almorzos do Grupo Popular” como o celebrado esta mañá cos empresarios arousáns, no que os deputados populares escoitaron a opinión do sector empresarial sobre a situación económica da comarca e a súa valoración das medidas da Xunta e do Goberno central. Os empresarios trasladáronlles aos parlamentarios as súas suxestións, que serán valoradas para a presentación de iniciativas tanto na Cámara autonómica coma no Congreso dos Deputados.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar