O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruiz Rivas, salienta que os datos da EPA, que sitúan á nosa comunidade como a cuarta coa taxa de desemprego máis baixa do estado, confirman que “estamos a traballar na senda correcta”
O PPdeG CONSIDERA ESPERANZADOR QUE GALICIA AUMENTE ATA PRETO DE SEIS PUNTOS O DIFERENCIAL POSITIVO RESPECTO A ESPAÑA NO ÍNDICE DE PARO
• O deputado entende que a realidade “confirma todas as teses do noso partido” en canto a que a crise económica “só se pode combater con austeridade e con políticas de visión a longo prazo”, tal como agora “parece recoñecer o Goberno de Zapatero, que rectificou a súa política presentando un plan para reducir os gastos do Estado”
Santiago, 29 de xaneiro de 2010.- Ante os datos da Enquisa de Poboación Activa feitos públicos hoxe, o PPdeG considera esperanzador que Galicia manteña un diferencial positivo de seis puntos respecto a España na taxa de paro, que na nosa Comunidade é do 12,88 por cento mentres que a estatal acada o 18,83 por cento. O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, salienta que os datos da EPA confirman que “estamos a traballar na senda correcta”. Non obstante, apunta que “malia que, no contexto actual, eses datos poden levarnos a un certo optimismo, non cabe de momento ningún tipo de triunfalismo, posto que un aumento do paro é sempre unha mala noticia”. Así mesmo, afirma que “non podemos, desde logo, alegrarnos cando os datos falan de que en España hai 4,3 millóns de parados”.
O portavoz dos deputados populares opina que “Galicia está a coller o rumbo axeitado”, gracias “a que agora conta cun Goberno que traballa en serio, sabe cáles son as prioridades e ten a preparación e o coñecemento necesarios para abordalas”. Nese sentido, resalta que o aumento en 0,5 puntos da taxa de paro no cuarto trimestre de 2009 con respecto ao trimestre anterior contrasta co rexistrado en España, que chega aos 0,9 puntos, de xeito que o diferencial, que no terceiro trimestre era de 5,5 puntos, sitúase agora en practicamente 6.
En canto á comparación interanual, Ruiz Rivas considera que os datos “encamíñannos a esa prudente esperanza”, ao situar a Galicia, cunha taxa de paro inferior á estatal, xa que mentres a comunidade galega rematou o ano cun incremento de 3,14 puntos en España houbo un aumento de 4,93.
RECTIFICACIÓN DO GOBERNO DE ZAPATERO
O deputado entende que a realidade “confirma todas as teses do noso partido” en canto a que a crise económica “só se pode combater con austeridade e con políticas de visión a longo prazo”, tal como agora “parece recoñecer o Goberno de Zapatero, que rectificou a súa política presentando un plan para reducir os gastos do Estado”.
No obstante, Ruiz Rivas cre que o Goberno central socialista “actúa sempre con improvisación e rectificando sobre a marcha”, despois de “despilfarrar miles de millóns de euros e xerar o maior déficit público da democracia”, o que fai que “as posibles solucións ou non cheguen ou cheguen demasiado tarde” por culpa “da soberbia política dos socialistas, que os leva a pecharse en banda e non facer caso das múltiples advertencias por parte de organismos internacionais sobre o erróneo da súa política nin aceptar un diálogo coa oposición que sen dúbida sería beneficioso para España”.
Igualmente, lamenta que esa política errónea se basee tamén na suba de impostos, de xeito que “moitas familias que xa están a pasar dificultades ven agora que estas vanse agravar coa desaparición da dedución dos 400 euros ou coa suba, nuns meses, do IVE”.













