A deputada, quen lembrou que o Grupo Popular xestionou a concreción dunha partida dun millón de euros para a ampliación do centro de Ande, contrasta o esforzo da Xunta coa actitude dos partidos que gobernan en Vilagarcía, dedicados “a facer guerras partidistas”
MARTA RODRÍGUEZ ARIAS SALIENTA QUE A APERTURA DA TERCEIRA PLANTA DO HOSPITAL DEMOSTRA QUE NÚÑEZ FEIJÓO CUMPRE OS SEUS COMPROMISOS CO SALNÉS
• “Os responsables do Goberno local agochan detrás dunha pancarta a súa ineptitude para resolver os problemas e as necesidades dos cidadáns de Vilagarcía”, resalta Rodríguez Arias, quen lembra que o único que fixo o Goberno de Vilagarcía en relación co Hospital foi “secundar unha manifestación” .
Santiago, 27 de xaniro de 2010.- A deputada e concelleira do Partido Popular Marta Rodríguez Arias salienta que a apertura da terceira planta do Hospital Comarcal do Salnés demostra que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo cumpre os seus compromisos con Vilagarcía e co Salnés e que para o seu Goberno constitúe unha prioridade a mellora da sanidade na comarca.
Rodríguez Arias lembra que, tras a paralización da ampliación do Hospital por parte do Bipartito, “polo seu capricho político e pola súa ineptitude”, os feitos avalan agora que as promesas do Partido Popular “eran promesas serias feitas por un equipo responsable”. O Partido Popular e o Goberno de Núñez Feijóo, engade a parlamentaria, “cumpre os seus compromisos, a pesar da difícil situación económica que herdamos do Goberno anterior”.
A deputada, quen lembra que no debate do Parlamento dos Orzamentos da Xunta para 2010 o Grupo Popular xestionou a concreción dunha partida dun millón de euros para a ampliación do centro de Ande, contrasta o esforzo da Xunta coa actitude dos partidos que gobernan en Vilagarcía, dedicados “a facer guerras partidistas”. Nese sentido, considera “inadmisible” que PSOE e BNG “utilicen algo tan fundamental como é a sanidade e o benestar dos cidadáns para facer política con minúsculas en contra da actual Xunta”, cando, engade, “o que os cidadáns esperan deses partidos é que unan esforzos en beneficio de todos”.
INEPTITUDE DOS RESPONSABLES DO GOBERNO LOCAL
“Os responsables do Goberno local agochan detrás dunha pancarta a súa ineptitude para resolver os problemas e as necesidades dos cidadáns de Vilagarcía”, resalta Rodríguez Arias, quen lembra que o único que fixo o Goberno de Vilagarcía en relación co Hospital foi “secundar unha manifestación”. A ese respecto, lamenta que a Alcaldesa “non fose sequera quen de ter unha xuntanza coa Consellería de Sanidade para trasladarlle as necesidades do concello en materia sanitaria”.
En todo caso, a deputada considera que “hai que quedarse coa boa noticia” que supón que, “gracias a o Partido Popular e ao Goberno de Núñez Feijóo”, a terceira planta do Hospital “sexa xa unha realidade” e que o centro contará este ano con novos quirófanos. Igualmente, salientou que a xestión do novo Goberno “conseguiu, entre outros avances, reducir as listas de espera para patoloxías urxentes”, de xeito que Galicia cumpre por primeira vez o tope legal nese ámbito.













