Pedro Puy lembra que as contas baixan por primeira vez na historia fundamentalmente pola diminución das transferencias do Estado, á que se unen agora outros 16,6 millóns de euros que Galicia non recibirá pola rectificación de Zapatero sobre a deducción dos 400 euros do IRPF
• O Grupo Popular aceptou 4 emendas da oposición, “é dicir, catro emendas máis das que vostedes nos aceptaron a nós o ano pasado”, sinalou Puy, quen reiterou que o presidente da Xunta “non mentiu” cando dixo que os recursos para o pagamento complementario das pensións non contributivas estaban contemplados no proxecto de orzamentos.
• Rodríguez Miranda considerou que moitas das emendas da oposición ao orzamento de Presidencia están feitas “cun sentido localista e máis mediático que real” e salientou que as contas permiten “compaxinar austeridade coas garantías necesarias para asegurar o funcionamento duns servizos públicos de calidade modernos e eficientes, na Xustiza, na Seguridade e Emerxencias ou no ámbito local”.
• O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Alejandro Gómez Alonso, resaltou que os orzamentos “impulsarán máis quilómetros de vías de alta capacidade (máis de 160) que os postos en servizo durante os catro anos do bipartito pola anterior Consellería de Política Territorial” e criticou que as emendas da oposición foran encamiñadas a reducir a cantidade destinada tanto a seguridade vial como a conservación de estradas.
Santiago, 15 de decembro de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular cualificou hoxe de “extraordinarios”, polo marco no que se elaboraron, os orzamentos da Xunta para 2010, que definiu como “de apoio a unha sociedade en crise”, a partir da austeridade e o rigor. Na sesión desta mañá do debate de Orzamentos do Pleno do Parlamento, o voceiro de Economía do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que se trata dunhas contas rigorosas, “tanto na previsión de ingresos coma nos gastos”, todos os cales “aparecen respaldados” polas conseguintes partidas, “non como nos de 2009”.
Pedro Puy lembrou que as contas baixan por primeira vez na historia fundamentalmente pola diminución das transferencias do Estado, á que se unen agora outros 16,6 millóns de euros que Galicia non recibirá pola rectificación de Zapatero sobre a deducción dos 400 euros do IRPF. Para o deputado popular, estes orzamentos, que lograr aumentar o gasto social e o gasto en I+D+i gracias ao aforro en gasto corrente e improdutivo, “intentan causar menos custo á sociedade, a diferencia do que fixo o Goberno do Estado nos seus orzamentos”.
O Grupo Popular aceptou 4 emendas da oposición, “é dicir, catro emendas máis das que vostedes nos aceptaron a nós o ano pasado”, sinalou Puy, quen reiterou que o presidente da Xunta “non mentiu” cando dixo que os recursos para o pagamento complementario das pensións non contributivas estaban contemplados no proxecto de orzamentos.
PRESIDENCIA
Pola súa banda, no debate da Sección 04, da Presidencia da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda remarcou que o orzamento presentado respecta “o equilibrio necesario entre austeridade e atención puntual ás necesidades sociais e ao desenvolvemento tecnolóxico como factor de impulso económico”, materializando en cifras “as actuacións de carácter transversal en materia de Novas Tecnoloxías ou de Igualdade, que permiten unha maior eficiencia na execución dos recursos”. O deputado considerou que “hai moitas emendas feitas cun sentido localista e cecais máis mediático que real”, así como outras que “pretenden unha particularización non axeitada e que rompería os criterios obxectivos de asignación de recursos públicos, que se acadan a través de convocatorias públicas e mesmo de concorrencia competitiva”.
No que respecta á Sección 05, da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Rodríguez Miranda definiu o orzamentos como “unha auténtica obra de arquitectura económico-administrativa”, que permite “compaxinar austeridade coas garantías necesarias para asegurar o funcionamento duns servizos públicos de calidade, modernos e eficientes, na Xustiza, na Seguridade e Emerxencias ou no ámbito local”. Neste punto, o deputado volveu criticar os criterios “localistas, partidistas en casos” seguidos pola oposición nas súas emendas, “contradictorias entre si e mesmo plantexando emendas contrarias aos plantexamentos defendidos por vostedes no ano 2009” que, dixo, “impiden que poidamos atender as súas propostas”.
INFRAESTRUTURAS
Pola súa banda, o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, Gómez Alonso, destacou que cos actuais Orzamentos a Xunta de Galicia impulsará máis quilómetros de vías de alta capacidade (máis de 160) que os postos en servizo durante os catro anos do bipartito pola anterior Consellería de Política Territorial. Destacou tamén o forte impulso que se lle dará a seguridade viaria (incremento dun 10,3%) , así como o aumento dun 3,5% nos investimentos reais da Dirección Xeral de Mobilidade.Gómez Alonso destacou tamén os 46 millóns de euros adicados a execución de 902 vivendas de promoción pública e o inicio de 416 novas vivendas para o ano 2010.
Ao respecto das emendas presentadas pola oposición Gómez Alonso criticou que estas vaian encamiñadas a reducir a cantidade destinada tanto a seguridade vial como a conservación de estradas, destas últimas puxo como exemplo a redución plantexada polo BNG dun 71%. Así mesmo indicou que os nacionalistas “queren que Galicia pague por estudios de enlaces ferroviarios que son competencia do ADIF e de RENFE operadora”. Así mesmo criticou que o mellor destas emendas é a distribución que fan por concellos da empresa pública Augas de Galicia xa que un 20% das actuacións que propoñen as concentran en dous concellos, en concreto 6 actuacións para Fene e 4 para A Mezquita, con gobernos de coalición de socialistas e nacionalistas.













