Critica a “falta de lealdade institucional” por non consultar ás comunidades autónomas unha rectificación que supón unha minoración do Fondo de Suficiencia en 160 millóns de euros sen ofrecer alternativa compensatoria algunha
RUIZ RIVAS LAMENTA QUE A “IMPROVISACIÓN CONSTANTE” DE ZAPATERO TEÑA UN NOVO CUSTO PARA GALICIA, QUE DEIXARÁ DE PERCIBIR 16,6 MILLÓNS DE EUROS AO MANTERSE A DEDUCCIÓN DE 400 EUROS DESPOIS DE ANUNCIARSE QUE SE ÍA SUPRIMIR
- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular lembra que o PSOE galego pediron que a Xunta aumentara a previsión de ingresos na elaboración dos Orzamentos, e agora se comproba que aínda van ser menores.
- O deputado reiterou que os orzamentos que se van aprobar esta semana na Cámara galega supoñen unha “volta ao realismo” e confirman o modelo do PP de máis gasto social, máis investimento e menos impostos.
Santiago, 14 de decembro de 2009.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruiz Rivas, lamentou hoxe que a “improvisación constante” do Goberno de Zapatero teña un novo custo para Galicia, que deixará de percibir 16,6 millóns de ueros inicialmente previstos ao manterse, par acertos niveis de renda, a deducción de 400 euros de IRPF, despois de anunciarse que se ía suprimir. En rolda de prensa, Ruiz Rivas salientou que o seu partido considera positivo que se manteña a dita deducción, por ser unha medida adaptada ás actuais circunstancias de crise económica e que favorece aos máis afectados por ela, pero o anuncio de suprimila e a rectificación posterior no trámite parlamentario supón unha nova mostra “da política errática de Zapatero, que afecta á comunidades autónomas”.
O portavoz parlamentario popular criticou, ademais, a “falta de lealdade institucional” por non consultar ás comunidades autónomas unha rectificación que supón unha minoración do Fondo de Suficiencia en 160 millóns de euros, sen ofrecer alternativa compensatoria algunha. O mantemento da deducción supón modificar en 420 millóns de euros menos as previsións de ingresos do Estado, o que afecta á evolución do Fondo de Suficiencia das comunidades autónomas no ano 2010, cunha merma de 160 millóns de euros, dos que a Galicia lle corresponden 16,6 millóns.
A ese respecto, Ruiz Rivas lembrou que o PSOE galego, a través da súa emenda á totalidade, pediron que a Xunta aumentara a previsión de ingresos na elaboración dos Orzamentos, e agora se comproba que aínda van ser menores. O deputado pediulles aos socialistas galegos que compensen a diminución de ingresos que o Goberno do Estado transfire á Xunta e que “dean a cara no Congreso dos deputados”, apoiando a emenda presentada no Senado por José Manuel Barreiro para a creación dun Fondo extraordinario dotado con 500 millóns de euros para compensar a dispersión poboación e o envellecemento, que foi aprobada cos únicos votos en contra do PSOE.
“VOLTA AO REALISMO”
A política “errática e de improvisación” do Goberno de Zapatero contrasta, para os populares, co rigor aplicado polo Goberno galego de Núñez Feijóo. Nese sentido, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular reiterou que os orzamentos que se van aprobar esta semana na Cámara galega supoñen unha “volta ao realismo” e confirman o modelo do PP de máis gasto social, máis investimento e menos impostos. Son, ademais, “uns orzamentos altamente transparentes e axeitados para dar cumprimento ás respostas que os cidadáns nos esixen nesta época de crise”. Así mesmo, afirmou que as emendas presentadas ao proxecto polo seu Grupo consolidan “os principios básicos de gasto social e austeridade que os inspiraron” e lembrou, nese sentido, a destinada a reducir un 3% os soldos dos altos cargos ou a que os concellos poidan destinar a gasto corrente o Fondo Extraordinario de apoio.













