Bieito Lobeira minte no Parlamento ao afirmar que Cangas paralizou a obra do porto

O Grupo Popular rexeita unha iniciativa do BNG sobre esta cuestión “por ser unha demostración clara de hipocrisía política” e lembra que se as obras proseguen é “porque a alcaldesa nacionalista de Cangas así o permite”

 

• Non existe ningún tipo de resolución acordando a paralización das obras por parte do Concello de Cangas, tan só hai unha moción plenaria na que se deixa patente o “desexo” da Corporación Municipal de que non se prorrogue a concesión para a construción deste porto.

 

• Xa o pasado 11 de setembro dous deputados do BNG foron abucheados pola maioría dos participantes no acto de protesta convocado pola Confraría de Cangas contra a construción do porto deportivo, os asistentes “consideraron a postura nacionalista como hipócrita”.

 

• Foi un destacado dirixente socialista, Abel Caballero, quen como Presidente de Autoridade Portuaria de Vigo acordou proseguir os trámites para a construción deste porto no espazo marítimo-terrestre.

 

 

Santiago, 10 de decembro de 2009.- O voceiro do Mar do BNG, Bieito Lobeira, mentiu no día de hoxe en sede parlamentaria no transcurso dun debate sobre a polémica construción dun complexo náutico na explanada de Massó, en Cangas. O voceiro nacionalista afirmou que o Concello de Cangas paralizou as obras de construción deste porto deportivo do Salgueirón algo manifestamente falso –segundo explican desde o Grupo Parlamentario Popular- xa que non existe resolución da Alcaldía, nin do Goberno municipal, acordando a paralización das obras. Tan só hai unha moción plenaria na que se deixa patente o “desexo” da Corporación Municipal de que non se prorrogue a concesión para a construción deste porto.

 

HIPOCRISÍA NACIONALISTA

 

Hoxe o Grupo Parlamentario Popular rexeitou a iniciativa presentada polo BNG sobre esta cuestión e coa que unha vez máis se demostra “a hipocrisía política” dos nacionalistas, segundo salientou o portavoz de Mar dos populares, José Manuel Balseiro. O deputado popular lembrou que “se as obras do dito porto proseguen é porque a alcaldesa nacionalista de Cangas así o permite” e polo tanto non ten sentido algún que veñan a demandar no Parlamento, que non ten competencias, o que si poden facer desde a Alcaldía de Cangas, onde precisamente o BNG é a forza de Goberno”.

 

COMPETENCIA MUNICIPAL

 

Balseiro cualificou de “curioso” que, no reparto de responsabilidades sobre este tema, os nacionalistas “esquecen asumir as propias” pois ademais “con total seguridade son coñecedores da existencia dun informe xurídico, reclamado por un concelleiro do Goberno municipal, que avala a facultade da alcaldesa para suspender e paralizar estas obras”. A iniciativa do BNG pretendía que o Parlamento obrigara á Autoridade Portuaria de Cangas “a adoptar unha decisión que pode non ser conforme a dereito”, polo que poderían incorrer en prevaricación, segundo apuntou Balseiro, quen lembrou que as competencias sobre o dominio público marítimo terrestre son do Estado e en materia de construción e urbanismo son municipais.

 

Xa o pasado 11 de setembro dous deputados do BNG foron abucheados pola maioría dos participantes no acto de protesta convocado pola Confraría de Cangas contra a construción do porto deportivo, “precisamente porque a luz dos feitos a maioría dos asistentes consideraron a postura nacionalista como hipócrita”

 

ENTENDEMENTO ENTRE AS PARTES

 

Por outra banda compre lembrar que no seu momento foi un destacado dirixente socialista, Abel Caballero quen, o 15 de marzo de 2005, como Presidente de Autoridade Portuaria de Vigo, acordou proseguir os trámites para a construción deste porto no espazo marítimo-terrestre. E foi tamén a Consellería de Pesca, en mans do PSOE e coa complicidade do seu socio de Goberno, quen durante os últimos catro anos non fixo nada por poñer fin a este proxecto.

 

Balseiro resaltou que o Grupo Popular “sempre foi favorable a un entendemento entre as partes”, entendemento que intentou a Consellería do Mar, que “se comprometeu a mediar”, aínda que “nin tan sequera os asistentes á mesa de diálogo puideron acadar un acordo”. O deputado do PPdeG remarcou que o seu Grupo non daría “visos de veracidade á súa petición”, porque facelo “suporía tanto como elevar á categoría de debate político unha cortina de fume coa que lavar a cara do Concello de Cangas” e pedíu “coherencia” ao BNG.

 

 

 


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar