"O 97% de todas as partidas conseguidas supostamente polos nacionalistas na última lexislatura e a última hora a cambio do seu voto e de botar unha man ao PSOE non se executaron, o que demostra a inutilidade práctica do apoio do BNG aos socialistas"
• O voceiro popular de Economía no Senado cualifica de "hipócrita" o cambio de postura dos nacionalistas respecto aos Presupostos Xerais do Estado
• Os populares recordan que o 97% de todas as partidas supostamente conseguidas polo BNG na anterior lexislatura quedaron sen executar
Madrid, 9 de decembro de 2009. - Os senadores galegos do PP califican de "hipócrita" o cambio de postura do BNG en relación aos Presupostos Xerais do Estado para o 2010 e lamentan que despois de opoñerse no Congreso e de presentar un veto á Lei de Financiamento Autonómico, que ten que ver moito cos PGE, os nacionalistas vaian votar en contra dos vetos ás contas públicas na Cámara Alta e vaian avalar unhas contas "negativas" para Galicia.
O voceiro popular na Comisión de Economía, José Manuel Barreiro Fernández, lamentou que os nacionalistas decidisen "vender" a Galicia por sete millóns de euros, "sobre todo -dixo- cando saben que non se van executar". "Hai que recordar, porque todos os galegos o saben, que o 97% de todas as partidas conseguidas supostamente polos nacionalistas na última lexislatura non se executaron, o que demostra a inutilidade práctica do apoio do BNG ao PSOE,".
Para Barreiro, a oposición do BNG ao veto dos PGE no Senado non é outra cousa que unha mostra máis "da falta de coherencia dos nacionalistas galegos, que xa nos teñen afeitos a votar unha cousa en Galicia e outra en Madrid e que agora dan un paso máis na súa barbarie votando de forma diferente mesmo no Congreso e o Senado".
O senador lucense asegura que non ten sentido que os nacionalistas digan que intentan beneficiar a Galicia por conseguir 7 millóns de euros, cando a súa oposición aos vetos impedirá que saia adiante o veto do PP que incluía emendas para Galicia por importe de máis de 600 millóns de euros e que, pola configuración da Cámara Alta, podería saír adiante.
Barreiro cre que o BNG debe explicar moi ben aos galegos por que apoiará unhas contas para o ano 2010 que non só non incrementan nin manteñen o seu investimento en Galicia, senón que a reducen de 2.145 millóns a 2.004.













