O presidente do Goberno galego presidiu, xunto á ministra de Sanidade, o acto de presentación da Memoria Sergas: 20 anos de camiño
FEIJÓO OFRECE Á MINISTRA DE SANIDADE A LEALDADE DE GALICIA PARA DEFINIR A NIVEL NACIONAL UN ESQUEMA QUE BLINDE A SOSTIBILIDADE DA ASISTENCIA SANITARIA PÚBLICA
- Avoga por adoptar medidas valentes e consensuadas. “Un dos sistemas sanitarios públicos máis avanzados do mundo como é o español non pode permitirse o luxo de manter unha xestión anacrónica”
- Traslada toda a “lealdade” necesaria para conformar un pacto de Estado que garanta a viabilidade do sistema nacional de saúde
- Destaca que o Sergas medrou en cantidade e en calidade: pasando de 12 hospitais de titularidade pública a 31; de 231 puntos de atención primaria a preto de 500; e de 21.000 profesionais sanitarios a 32.000 na actualidade, para atender a unha poboación sanitaria que está xa preto dos 3 millóns de persoas
- Di que os galegos entendemos que a sanidade é un asunto moi importante como para convertelo en motivo de enfrontamentos estériles e lembra que, nestes 20 anos, “nin as crises económicas, nin os cambios políticos, nin as complicacións intrínsecas á propia xestión sanitaria minaron un ápice a calidade da asistencia”
- “Se os nosos predecesores foron capaces de construír un sistema sanitario público, tamén, será posible que nós logremos mantelo e darlle novos folgos”, asegura
Santiago, 6 de febreiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceu esta tarde, no acto de presentación da Memoria Sergas: 20 anos de camiño, á ministra de Sanidade, Ana Mato, a lealdade de Galicia para definir, a nivel nacional, un esquema que blinde a sostibilidade da asistencia sanitaria pública.
Feijóo salientou que tan certo como que o noso sistema sanitario público é un dos mellores do mundo é que tamén sofre as dificultades do momento presente; “existen ineficiencias que debemos detectar”, remarcou para subliñar que, é un momento decisivo para definir a nivel nacional un esquema que blinde a sostenibilidade da asistencia sanitaria pública. “A tarefa é inxente en si mesma, pero tamén ten unha gran carga simbólica porque se trata de preservar o principal termómetro do Estado do Benestar. Galicia sábeo e, por iso, para esa tarefa podes contar coa lealdade de Galicia”, aseverou o presidente do Goberno galego á ministra.
Núñez Feijóo ofreceu á ministra de Sanidade toda a “lealdade” necesaria para conformar un pacto de Estado que garanta a viabilidade do sistema nacional de saúde. “Galicia estará na axenda sanitaria do Goberno para conformar ese gran pacto de Estado que supoña un obxectivo fundamental: que a crise económica que acecha non destrúa o servizo de saúde que dos nosos predecesores e que os nosos antecesores foron conformando ata chegar, desde o punto de vista dos profesionais, en moitos casos a niveis de excelencia”.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta asegurou que Galicia ofrece, hoxe, un referente e un compromiso: “O referente está nas ganas e o traballo que fixeron posible mellorar cada día a sanidade pública galega dos últimos 20 anos. O compromiso é facer diso un espello no que mirarnos e poñer as mesmas ganas e o mesmo traballo para que a sanidade pública do conxunto do sistema nacional de saúde sexa viable e perdurable, o os que nos sucedan poidan seguir celebrando décadas de viabilidade do mellor sistema sanitario do mungo que é, probablemente, o español”.
O responsable autonómico afirmou que a sociedade galega non toleraría que a sanidade pública se convertera nunha das vítimas da crise e lembrou que xestionar consiste en distinguir o prioritario do secundario; “e a sanidade pública –remarcou- é prioritaria”. Así mesmo, avogou por adoptar medidas valentes e consensuadas. “Para garantir as nosas prioridades hai que actualizarse constantemente. As fórmulas que eran eficaces antes non teñen por que selo sempre. Un dos sistemas sanitarios públicos máis avanzados do mundo como é o español non pode permitirse o luxo de manter unha xestión que non sexa a máis eficiente e a máis eficaz”.
Ao longo destes 20 anos, o Servizo Galego de Saúde medrou, segundo Alberto Núñez Feijóo, en cantidade e en calidade. Así, de 12 hospitais de titularidade pública pasouse a 31 hospitais públicos (agrupados en 14 complexos hospitalarios e fundacións); de 231 puntos de atención primaria, pasouse a preto de 500; e de 21.000 profesionais sanitarios (dato correspondente a 2011) a 32.000 na actualidade, para atender a unha poboación sanitaria que está xa preto dos 3 millóns de persoas. Pero tamén “medrou en calidade, con mellores servizos, mellores tempos de tratamento e, sen dúbida, con mellores fórmulas para o diagnóstico, con mellores servizos tecnolóxicos, e, afortunadamente, tamén mellores prognósticos”, aseverou o mandatario galego para engadir que os grandes protagonistas de que isto teña sido posible son os profesionais sanitarios.
Feijóo salientou que Galicia esfórzase por construír un sistema sanitario público xenuíno, axeitado ás nosas demandas e ás nosas particularidades, “pero o desexo de levantar un sistema sanitario público –precisou- non tería sido suficiente para logralo, se non se levara á práctica cun esforzo permanente e cunha unidade exemplar”. “A inmensa maioría dos galegos entendemos que a sanidade é un asunto suficientemente importante para convertelo no núcleo fundamental das aportacións que podemos facer individual e colectivamente e afastalo de enfrontamentos estériles. Nin as crises económicas, nin os cambios políticos, nin as complicacións intrínsecas á propia xestión sanitaria minaron un ápice a calidade da asistencia. Todo o contrario”.
Diante dese panorama, afirmou que “os que hoxe temos a responsabilidade de gobernar, debemos ser dignos dese legado. Non estariamos sendo fieis ao pasado que herdamos dos nosos predecesores, que tanto esforzo lles custou, se ignoraramos a obriga de seguir garantindo a sanidade pública en épocas de dificultades”.
Neste senso, concluíu amosando o seu convencemento de que “se os nosos predecesores foron capaces de construír un sistema sanitario público, tamén, será posible que nós logremos mantelo e darlle novos folgos”.













