O titular da Xunta explicou, hoxe, trala reunión do Consello, que o novo texto incorporará todos os cambios normativos, os cambios financeiros, os cambios contractuais dos últimos 17 anos
FEIJÓO SALIENTA QUE A NOVA LEI DE ESTRADAS “FACILITARÁ UNHA EXECUCIÓN MÁIS RESPONSABLE E MÁIS SENSIBLE COS DEREITOS DOS CIDADÁNS”
- Sostén que o novo texto será un instrumento “útil, moderno” para unha mellor xestión da rede viaria autonómica e local
- Todos os proxectos en materia viaria terán que ser sometidos a información pública
- No suposto de que unha estrada afecte a unha propiedade cunha porcentaxe de edificación, os cidadáns manterán os dereitos urbanísticos das súas parcelas a pesar da superficie que se lles expropie
- Mentres que ata agora o propietario afectado pola expropiación estaba obrigado a adiantar o investimento para repoñer os bens afectados polas obras, o novo texto habilita a posibilidade de que os repoña directamente a administración
Santiago, 26 de xaneiro de 2012.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou, este mediodía, na rolda de prensa do Consello, do inicio da tramitación dunha nova Lei de estradas que “facilitará a execución de obra; facilitará a información aos cidadáns; facilitará os seus dereitos urbanísticos, non afectará economicamente dunha forma tan contundente a perda, moitas veces, de valor das propiedades; e facilitará, en consecuencia, unha execución máis responsable e máis sensible cos dereitos dos cidadáns”.
O responsable autonómico subliñou que se trata, en definitiva, dunha nova lei que incorporará todos os cambios normativos, os cambios financeiros, os cambios contractuais dos últimos 17 anos.
“Se trata –dixo- de actualizala para adaptala aos numerosos cambios normativos que se produciron nos últimos dezasete anos como, por exemplo, a creación da Axencia Galega de Infraestruturas como único órgano en materia de estradas na Comunidade autónoma; ou todas as modificacións en materia de contratación administrativa, en materia de medio ambiente, en materia de ordenación do territorio”, explicou ao que engadiu que o texto actualizará, tamén, “os avances técnicos tanto no eido da enxeñería como no ámbito financeiro coa creación de novos mecanismos de financiamento das actuacións viarias na comunidade autónoma”.
Feijóo afirmou que o novo texto será un instrumento “útil, moderno” para unha mellor xestión da rede viaria autonómica e local. E, entre as principais novidades, salientou que, coa nova lei todos os proxectos en materia viaria terán que ser sometidos a información pública. “Ata o momento, tan só se sometían a información pública as novas estradas e, agora, o ensanchamento, o cambio de trazado dunha estrada xa consolidada tamén terá que estar sometido a información pública. Solucionamos así un grave problema. O feito de que un ensanchamento e mellora dunha vía non fose necesario sometelo a información pública supoñía unha indefensión por parte dos titulares das parcelas lindantes que vían afectados os seus dereitos urbanísticos sen, nin sequera, ter dereito a unha información pública e a unha fase de alegacións ”.
Desde o punto de vista de servidume, Feijóo explicou que en todas as estradas –xa sexan primarias, secundarias, locais ou autonómicas- a servidume empeza desde a liña do borde da calzada e non desde a liña de explanación. “Isto proporciona unha enorme seguridade xurídica porque o borde da calzada sempre se sabe cal é, mentres que a liña de explanación depende do proxecto en cada caso”.
No suposto de que unha estrada afecte a unha propiedade cunha porcentaxe de edificación, o titular da Xunta avanzou que “a expropiación non pode variar a porcentaxe de edificación dese inmoble, de tal sorte que os cidadáns manterán os dereitos urbanísticos das súas parcelas a pesar da superficie que se lles expropie”.
Así mesmo, mentres que ata agora o propietario afectado pola expropiación estaba obrigado a adiantar o investimento para repoñer os bens afectados polas obras, o novo texto habilita a posibilidade de que os repoña directamente a administración.













