O baremo de acceso ás escolas afectadas é público, os prezos son públicos e as prazas son prazas públicas. Non hai diferenza, por tanto, con outras escolas
O PPdeG sinala que a xestión das novas escolas infantís garante a continuidade no incremento de prazas 0-3 no actual contexto orzamentario
- No que atinxe aos prezos públicos das escolas infantís, a actualización dos mesmos garante a sostibilidade do sistema e a posta en marcha de novas prazas
- Dita actualización dos prezos, que non foron modificados desde o ano 2002, non alcanza ao incremento do IPC correspondente a eses anos
- No que vai de lexislatura xa se puxeron en marcha máis de 2.100 prazas e neste ano abrirán arredor doutras 1.000 máis
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2012.- O Partido Popular de Galicia fai fincapé en que a xestión das novas escolas infantís garante a continuidade no incremento de prazas 0-3 no actual contexto orzamentario.
Ademais, o PPdeG explica que a contratación da xestión deste servizo é unha modalidade de xestión administrativa prevista na Lei de Servizos Sociais de Galicia, normativa que, por outra parte, foi aprobada durante a etapa do Goberno bipartito.
Do mesmo xeito, nas escolas afectadas o baremo de acceso é público, os prezos son públicos e as prazas son prazas públicas. Non hai diferenza, por tanto, con outras escolas.
Segundo apuntan os populares galegos, esta é unha xestión de servizos públicos utilizada polas distintas administracións e, en concreto, por moitos concellos de distinta cor política na xestión dos seus servizos, como por exemplo, Pontevedra na xestión do servizo municipal de axuda a domicilio; e Vigo, Lugo e Teo, nas súas escolas municipais.
Por outra banda, os populares matizan que no actual contexto é complicado para todas as administracións públicas a incorporación de novo persoal propio. Así, a xestión elixida para as cinco escolas que abrirán no mes de marzo permítelle ao Goberno galego seguir apostando polo incremento de prazas de educación infantil. Con respecto a isto os populares matizan que xa puxeron en marcha máis de 2.100 prazas no que vai de lexislatura e neste ano abrirán arredor doutras 1.000 máis.
PREZOS PÚBLICOS ESCOLAS INFANTÍS
Os populares galegos fan fincapé en que a actualización dos prezos públicos das escolas garante a sostibilidade do sistema e a posta en marcha de novas prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos.
Esa actualización de prezos, que non foron modificados desde o ano 2002, non alcanza ao incremento do IPC correspondente a eses anos.
Así mesmo, os usuarios que teñen menos ingresos, arredor da metade, non se verán afectados en ningunha medida pola actualización dos prezos.













