Feijóo di que o periodismo non pode resolver problemas "pero si facelos comprensibles"

Hoxe, no acto de entrega da XVII edición do Premio Xornalístico Diego Bernal 

FEIJÓO SUBLIÑA QUE AO IGUAL QUE NO PASADO XOGOU UN PAPEL FUNDAMENTAL PARA AFIANZAR A DEMOCRACIA E O AUTOGOBERNO HOXE, O PERIODISMO NON PODE RESOLVER PROBLEMAS “PERO SI PODE FACELOS COMPRENSIBLES”

  • O responsable autonómico afirma non ver indicios dunha decadencia do periodismo, “senón novas e apaixonantes tarefas que, hoxe máis ca nunca, en época de crise, fan do periodismo un traballo imprescindible”
  • “Precísase alguén que dea coherencia ao marasmo das informacións fragmentarias que desacougan ao home de hoxe. A información ten que transformarse en comprensión. A noticia require máis que nunca contextos para que non se reduza a un simple fogonazo”, di
  • Refírese á premiada Pilar Cernuda como “proba de que o periodismo, como a enerxía, non se crea nin se destrúe senón que se transforma”
  • “Pilar –salienta- observa, recopila, converte en mosaico coherente o que eran retazos incoherentes de información. E ofrécenos de paso aos políticos unha análise soberbia dos síndromes que ameazan”

Santiago, 24 de xaneiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía, no acto de entrega da XVII edición do Premio Xornalístico Diego Bernal, que ao igual que no pasado xogou un papel fundamental para afianzar a democracia e o autogoberno hoxe, o periodismo non pode resolver problemas pero si pode facelos máis comprensibles. “É un tempo convulso, incerto, alérxico ás verdades. Un tempo que pide referencias. Sei –dixo- que o periodismo non pode resolver problemas. Pero si pode facelos comprensibles”. 

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que, en Galicia non foi precisa unha revolta cruenta para afianzar a democracia e o autogoberno, “fixémolo coas armas da palabra”. E aseverou que esa palabra tivo a súa casa nos medios de comunicación. “Neles –precisou- faise explícita unha comunidade que ata entón só fora implícita. Os medios son o escaparate do que Galicia se amosa a si mesma. A prensa galega é ao mesmo tempo fiestra, porta e espello. Fiestra pola que entran aires novos da nosa terra. Porta que se abre aos homes e mulleres encargados da tarefa de formar un novo país. Espello onde nos recoñecemos cada día”. 

Pero, lonxe de conformarse coa impronta “deixada pola nosa prensa no pasado e no presente”, o presidente da Xunta afirmou que “o futuro tamén ten que ser escrito e contado á nosa maneira”. “Precísase alguén que dea coherencia ao marasmo das informacións fragmentarias que desacougan ao home de hoxe. A información ten que transformarse en comprensión. A noticia require máis que nunca contextos para que non se reduza a un simple fogonazo”. 

Diante deste panorama, o responsable autonómico afirmou non ver, polo tanto, indicios dunha decadencia do periodismo, “senón novas e apaixonantes tarefas que, hoxe máis ca nunca, en época de crise, fan do periodismo un traballo imprescindible”. 

Feijóo referiuse a premiada Pilar Cernuda como “proba de que o periodismo, como a enerxía, non se crea nin se destrúe senón que se transforma”. “Esta paisana nosa –engadiu- xa veu pasar polas súas redaccións tecnoloxías diferentes que sempre parecían ameazar a esencia e o futuro do traballo informativo. Finalmente, os aparellos dobregáronse diante dos principios inmutables do periodismo. Sempre houbo e haberá persoas con fame de información, e periodistas dispostos a saciala. Cando esa necesidade desapareza, a democracia estará en perigo”. 

“Pilar –resaltou- observa, recopila, converte en mosaico coherente o que eran retazos incoherentes de información. E ofrécenos de paso aos políticos unha análise soberbia dos síndromes que ameazan. Ese ‘bisturí’ que ela manexa, ten un longo historial que lle permite ser cirurxiá constante dos acontecementos máis importantes”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar