O titular da Xunta visitou as instalacións do Centro de Saúde de Oroso, unha nova instalación cunha superficie que multiplica por cinco a do anterior centro de saúde e preparado para atender a máis de 12.000 pacientes
FEIJÓO GARANTE, A PESAR DA CRISE ECONÓMICA, O COMPROMISO DA XUNTA NA MELLORA DOS SERVIZOS PÚBLICOS SANITARIOS EN GALICIA E A SÚA APOSTA POLAS NOVAS INFRAESTRUTURAS SANITARIAS CON TRES NOVOS HOSPITAIS, DÚAS AMPLIACIÓNS E O IMPULSO Á ATENCIÓN PRIMARIA
- Destaca a necesidade dunha reflexión conxunta para garantir un Sistema Sanitario Público cada vez de maior calidade pero que, ao mesmo tempo, sexa sostible
- Subliña que “entre todos fomos capaces de iniciar, en Galicia, unha senda de contención do gasto farmacéutico e agora poder facer un balance de aforro de 102 millóns de euros no ano 2011”
- Afirma que o 99,9% dos galegos conta coa súa receita electrónica e coa súa historia clínica electrónica o que significa máis información para adoptar decisións e para xestionar mellor
- Resalta que a Xunta conseguiu diminuír á metade o número de días que esperan as patoloxías graves en Galicia: “Neste momento, 20 días aproximadamente é o que esperan as patoloxías graves”
Oroso, 24 de xaneiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe, durante unha visita ás instalacións do Centro de Saúde de Oroso, e a pesar da crise económica, o compromiso do Goberno galego na mellora dos servizos públicos sanitarios en Galicia e a súa aposta polas novas infraestruturas sanitarias con tres novos hospitais, dúas ampliacións e o impulso á Atención Primaria.
“Desde o primeiro día, estamos traballando na mellora dos servizos sanitarios en Galicia e non só nesa mellora senón en facer novas infraestruturas sanitarias”, afirmou logo de destacar a necesidade dunha “reflexión conxunta” para garantir un Sistema Sanitario Público cada vez de maior calidade pero que, ao mesmo tempo, sexa sostible.
“Galicia e España contan cun servizo público de sanidade que é o resultado do sacrifico das xeracións anteriores que traballaron por construír un servizo público sanitario que está dentro dos mellores do mundo. A nosa obriga, a de todos, é evitar que os servizos públicos sanitarios estean afectados pola crise económica; apostar claramente polas reformas necesarias para garantir a sostenibilidade dos servizos sanitarios públicos e iso significa empezar pola reforma das propias mentalidades”, salientou.
Feijóo aseverou que os servizos públicos teñen que ser eficientes e, neste sentido, resaltou os catro eixos que guían ao Goberno galego na estratexia para garantir unha Sanidade Pública de calidade.
“O primeiro –explicou- é a eficiencia, garantir a sostenibilidade financeira do servizo galego de saúde. E temos exemplos claros do que somos capaces de facer entre todos. Entre todos fomos capaces de iniciar, en Galicia, unha senda de contención do gasto farmacéutico e agora poder facer un balance de aforro de 102 millóns de euros no ano 2011. E, hoxe, Galicia está á cabeza das comunidades coa maior prescrición de xenéricos”.
O segundo eixo, segundo o presidente autonómico pasa polas novas tecnoloxías. E, neste sentido, lembrou que “xa temos o 99,9% de todos os galegos coa súa receita electrónica e coa súa historia clínica electrónica o que significa máis información para adoptar decisións e para xestionar mellor”.
“O terceiro piar –matizou- é priorizar, o que significa atender as patoloxías máis graves; atender aos pacientes máis graves no menor tempo posible. E, neste senso, conseguimos diminuír á metade o número de días que esperan as patoloxías graves en Galicia. Neste momento, 20 días aproximadamente é o que esperan as patoloxías graves”.
Feijóo referiuse ás infraestruturas sanitarias como cuarto piar. “Neste momento de crise económica –dixo- estamos co compromiso de facer dous novos hospitais e de ampliar e remodelar outros dous. No inicio da lexislatura, puxemos a funcionar o Hospital público de Lugo e, neste mesmo momento, estamos ampliando o Hospital da Coruña e construíndo o novo Hospital público de Vigo e estou convencido de que seremos capaces, tamén, de iniciar un novo hospital público en Pontevedra”.
Así mesmo, aseverou que o Goberno galego seguirá a traballar sen esquecerse da Atención Primaria: “17 novos centros de saúde é o balance que levamos nestes dous anos e medio. Reformas en oito e catro centros de saúde en diferentes fases de construción”.
No tocante ao Centro de saúde de Oroso, o presidente da Xunta subliñou que esta nova infraestrutura vai contribuír a mellorar a calidade do servizo sanitario para os máis de 7.000 usuarios da comarca. “Estamos a falar dun centro preparado para atender a máis de 12.000 persoas. Multiplicamos por cinco a superficie do centro de saúde anterior e facemos un centro cunha capacidade de atención ata 12.000 pacientes”.













