O secretario xeral do PPdeG asegura que tras cambiar o mapa de poder en España e en Galicia, ao partido tócalle optimizar a nova situación a través de tódalas súas estruturas
O PPdeG vai poñer en marcha reunións quincenais de maitines para coordinar a súa acción nas institucións públicas
- Entre os asistentes ás reunións estarán representantes da formación no Congreso, no Senado, un representante da Fegamp, Puy e Miranda
- Rueda lamenta que a oposición careza desa coordinación na que afonda o PPdeG e que tanto o PSOE coma o BNG estean inmersos en liortas internas
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2012.- O secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que a formación vai poñer en marcha reunións quincenais de maitines para coordinar e optimizar a súa acción nas institucións públicas.
Segundo apuntou Rueda momentos antes do comité de dirección, tras mudar de forma notable o mapa de poder tanto en España como en Galicia, ao partido tócalle optimizar esta nova situación a través da acción coordinada en todas as súas estruturas.
Por iso, o PPdeG comezará a celebrar de forma quincenal, e en paralelo aos comités de dirección, reunións de traballo para acompasar os tempos do partido en todos os ámbitos territoriais.
Así, neses encontros os populares buscarán adecuar a súa estratexia no Congreso, e por iso estará convocado o voceiro do PPdeG na Cámara; a estratexia no Senado, polo que estará tamén a voz dos populares alí, ou ben a través de Xosé Manuel Barreiro ou ben a través dun coordinador específico cuxa axenda que estea máis liberada que a súa.
Como explicou Rueda, tamén se buscará esa acción coordinada cos concellos e as deputacións onde gobernan os populares para así poder homoxeneizar a súa acción. Para iso, convocarán a un representante da Fegamp para afondar nesa coordinación.
Ademais, o Grupo parlamentario e o partido autonómico tamén estarán representados a través dos seus voceiros, Pedro Puy e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente.
Como apuntou o o secretario xeral do PPdeG, as datas e os asistentes ás reunións de maitines iránse avanzando durante os vindeiros días.
Nestes momentos, o que a cidadanía demanda da política é coordinación, sinerxias e colaboración, por iso, segundo Alfonso Rueda, todo o que sexa afondar na unidade de discurso, na anticipación aos problemas e no traballo conxunto entre os diferentes segmentos do PPdeG será positivo para a sociedade e para o partido.
Con respecto a isto, o dirixente popular lamentou que a oposición careza desa coordinación na que o PPdeG está afondando aínda máis e criticou as constantes liortas internas das que tanto o PSOE coma o BNG son protagonistas.













