Feijóo garante, a pesar da crise, o compromiso da Xunta cos retos “clave” de Vigo

O presidente do Goberno galego destaca a calidade humana, a disposición de servizo público e a experiencia da nova delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo

Feijóo garante, a pesar da crise económica, o compromiso da Xunta cos retos “clave” de Vigo e a súa comarca como a depuradora, o novo hospital público e a área metropolitana

- Agradece a María José Bravo a súa disponibilidade e convócaa a traballar para continuar o labor desempeñado nesta Delegación territorial

- Afirma que, logo de case tres anos, o “bo funcionamento” da nova administración periférica da Xunta está contrastada. “Acredita que é posible con cinco delegacións suplementar todas as 55 delegacións anteriores na estrutura administrativa que deixamos sen efecto”

- Salienta que con este modelo de delegacións gáñase en proximidade e en eficiencia, cun aforro, no que vai de lexislatura, de 12 millóns de euros na estrutura periférica actual sobre a estrutura periférica anterior


Vigo, 20 de xaneiro de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este mediodía, a pesar da crise económica, o compromiso do Goberno galego cos restos “clave” de Vigo e a súa comarca como a depuradora, o novo hospital público e a área metropolitana.


“Hai moitos retos importantes que temos que concluír e iniciar. Pero todos eles son clave: temos que rematar as obras do novo hospital público, un compromiso en plena crise económica que asumimos desde a chegada ao Goberno. De igual maneira, iniciaremos a gran depuradora que a Ría de Vigo e Vigo necesitan. E, temos que apoiar a finalización da plataforma PLISAN; máis de catro millóns de metros cadrados de oportunidades que temos que finalizar, en época de crise, para poñela a disposición da recuperación económica na área metropolitana”.


Así mesmo, e durante a toma de posesión de María José Bravo como delegada da Xunta na cidade olívica, Feijóo reiterou, tamén, ao compromiso do Goberno galego coa á área metropolitana de Vigo e co Campus do Mar.


Durante a súa intervención, o responsable autonómico agradeceu a María José Bravo a súa disponibilidade e convocouna a traballar para continuar o labor desempeñado nesta Delegación territorial, logo de destacar a súa calidade humana, a disposición de servizo público e a súa experiencia. “A experiencia dentro da Xunta, en tres consellerías, acreditan o seu coñecemento da administración autonómica. E ten experiencia na administración local, sendo concelleira da cidade de Vigo, xunto coa súa experiencia en tarefas de goberno noutra corporación, na cidade de Ourense”, explicou.


Feijóo afirmou que, despois de dous anos longos, “case tres”, o “bo funcionamento” da nova administración periférica da Xunta está contrastada. “Acredita que é posible con cinco delegacións suplementar todas as 55 delegacións anteriores na estrutura administrativa que deixamos sen efecto. Cinco delegacións. Esa foi a aposta do Goberno galego cando chegamos no ano 2009 e sigue sendo unha aposta pola eficacia e pola eficiencia da administración autonómica”.


Neste sentido, subliñou que con este modelo gáñase en proximidade e en eficiencia. “No que vai de lexislatura –precisou- levamos un aforro de 12 millóns de euros na estrutura periférica actual sobre a estrutura periférica anterior”.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar