O voceiro do PPdeG celebra que o Goberno de Rajoy leve a Bruxelas unha proposta alternativa ao tax lease para o sector naval e que esta sexa a que propón o Goberno galego
Miranda: “En sete días o Goberno desbloqueou as devolucións a conta, a débeda do Estado con Galicia e lanzouse a defender o naval galego en Bruxelas”
- Di que o aprazamento da débeda é unha boa noticia para a supervivencia das comunidades na situación económica actual
- Destaca a negociación aberta entre o Ministerio de Facenda e a Xunta sobre os 805 millóns que nos adebeda o Estado
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2012.- O voceiro do Partido Popular de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, fixo fincapé hoxe en que “en sete días, o Goberno desbloqueou as devolucións a conta, a débeda do Estado con Galicia e lanzouse a defender o naval galego en Bruxelas”.
Como apuntou Miranda, tras varios anos reclamando unha devolución racional dunha débeda irracional, en alusión aos anticipos a conta do Goberno ás comunidades, o Executivo do PP confirmou que ampliará o prazo que teñen as autonomías para pagar ata os dez anos.
Trátase, pois, dunha boa noticia para a supervivencia das comunidades que teñen máis apuros pero tamén para as que, aínda facendo os deberes, consideran que é mellor espaciar os pagamentos para non mermar a capacidade orzamentaria das comunidades nun momento no que o reto non é só que a xente viva mellor senón evitar que vivan peor.
Nesta liña, o voceiro do PPdeG lembrou que foi Feijóo quen liderou esta reivindicación que beneficia á inmensa maioría das autonomías.
Por outra parte, Miranda salientou tamén a negociación aberta entre o Ministerio de Facenda e a Xunta sobre os 805 millóns que nos adebeda o Estado. Con respecto a isto, criticou que o PSOE empregou a Moncloa para enfrontarse ás comunidades, mentres que o PP o fai para axudalas.
Para o PPdeG é unha boa noticia que impere o diálogo e que se poida solucionar un problema que ten aberto un contencioso entre a Xunta e o Goberno central.
ESPERANZA PARA O SECTOR NAVAL
Como lembrou o dirixente popular, o Goberno anterior desistiu de levar unha proposta alternativa ao tax lease a Bruxelas mentres que o Goberno actual non só a levará senón que esa proposta será a que propón o Goberno galego.
Miranda explicou que o naval é un dos sectores estratéxicos en Galicia e, por tanto, é fundamental pelexar en Bruxelas, como fará o Goberno central, polo mantemento dos estaleiros e pola blindaxe do sector en Galicia.
Con respecto a isto, o dirixente popular indicou que os populares pediron o cambio o 20 de novembro e iso se está vendo a 20 de xaneiro, polo que non poden máis que estar satisfeitos cos pasos dados polo Goberno de Rajoy.













