Nunha entrevista para a web do PPdeG
Javier Dorado: “En Novas Xeracións queremos ser o ‘Pepito Grilo’ do Partido Popular de Galicia”
- “A xuventude vai ter un papel protagonista dentro do PPdeG, e máis sabendo que tanto Alberto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda nos escoitan sempre”
- “Novas Xeracións, como organización enmarcada dentro do PPdeG, espera aportarlle ao partido o punto de vista dos xoves galegos, pois somos a vangarda ideolóxica da sociedade”
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2010.- O recén nomeado presidente das Novas Xeracións de Galicia, Javier Dorado, afirmou ter clara a función que lle quere dar á organización xuvenil durante a súa presidencia: “Queremos ser o ‘Pepito Grilo’ do Partido Popular de Galicia”.
Nas súas palabras, “os xoves somos a vangarda ideolóxica da sociedade. Como organización enmarcada dentro do PPdeG esperamos aportarlle ao partido o punto de vista dos xoves galegos, facilitándolle a escoita da sociedade no seu conxunto, incluindo á xente moza”.
Así, Dorado afirmou que a xuventude terá un papel “protagonista” dentro do PPdeG, “e máis sabendo que tanto Alberto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda nos escoitan sempre”.
O líder da “formación xuvenil máis importante de Galicia” dixo afrontar “con responsabilidade e ilusión” a nova etapa que asume, na que espera “estar en todos os ámbitos xuvenís”, pois “alí onde haxa un xove ten que estar Novas Xeracións escoitando”.
RENOVACIÓN RESPONSABLE
Falando dos seus primeiros pasos como presidente de Novas Xeracións, Dorado referiuse á “renovación responsable” que a organización está levando a cabo para “preparar a maquinaria de cara ás vindeiras eleccións municipais”.
“Estamos renovando as catro xuntas provinciais, e nun segundo momento se renovarán tamén ás xuntas locais co fin de incrementar o nivel de ilusión nos equipos para lograr un obxectivo: facer aos nosos candidatos alcaldes dos concellos de Galicia”.
CAMPAÑA CARA Á PRESIDENCIA DE NNXX
Durante a entrevista tamén houbo lugar para lembrar a recente campaña na que defendeu a súa candidatura á presidencia de Novas Xeracións. “A campaña foi complexa, porque competíamos contra outro proxecto interesante, así que pasamos o mes de xullo falando cos mozos de todas as comarcas galegas, presentándolles o noso proxecto e escoitando as súas inquedanzas”.
En palabras de Dorado, “poder coñecer as diferencia entre as inquedanzas que poder ter un mozo de Fisterra e outro de Ourense foi unha das cousas máis positivas que saquei”.
CARREIRA DENTRO DE NOVAS XERACIÓNS
Javier Dorado, a piques de rematar a Licenciatura en Dereito, vencellouse ás Novas Xeracións de Galicia fai oito anos, cando contaba con 14 movido polas súas “inquedanzas políticas e a miña vocación de servizo público”. Nas súas palabras, “as Novas Xeracións do PPdeG pareceume a opción máis interesante logo de terme informado do que ofrecían todas as formacións políticas”.
No seo da organización xuvenil popular ocupou os postos de vicepresidente da formación en Vigo, presidente provincial de Pontevedra e, dende o pasado mes de xullo, presidente rexional.













