Unha vez máis, na véspera do Día Grande de Galicia, os mozos e as mozas das Novas Xeracións de Galicia; en compañía das mulleres e dos homes que formamos o Partido Popular de Galicia, xuntámonos en Bonaval para realizar unha modesta ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres.
Vimos, os homes e mulleres do Partido Popular de Galicia, como tantas outras xentes, para nos “mergullar no ar misterioso das naves góticas encarregadas de custodiar as esencias da máis pura, da outa, da máis requintada e desinteresada galeguidade”;
e non “a procurar credenciais nin a xiquera a ganar máis indulxencias que as que derivan da irmandade no amor á terra plasmado na lembranza inmorredeira dunha santa muller que cantou e chorou e soupo facercantar e chorar ós humildes de corazón”;
Unha capeliña que volve estar, afortunadamente, e gracias á unión das vontades da Igrexa compostelá e á Xunta de Galicia, aberta ao público. E que confiamos que, coa axuda e impulso das nosas institucións, moi particularmente a do Consello da Cultura, remate por converterse no que os rexionalistas de finais do pasado século que a concibiron quixeron que fose: o lugar no que todos os galegos e galegas puidésemos xuntarnos cos mellores dos que nos precederon, e constatar “en su vida la pasada grandeza de nuestra patria” así como para pedirlles “inspiraciones para nuestro presente y nuestro porvenir”.
O PANTEÓN E A UNIDADE
Porque o Panteón xa é un dos símbolos que, como o Himno e a Bandeira, representan a unidade de todos os galegos, tanto dos que viven na terra como dos que viven na emigración. E é un símbolo do noso pobo porque a través dos persoeiros que eiquí repousan se expresa a esencia da nosa existencia como unidade social diferenciada.
Todos eles souberon antepoñer a calquera outro o obxectivo común de traballar polo ben de Galicia, e da súa cultura. Porque eiquí están soterradas persoas que, ao igual que ocorre agora na nosa sociedade, tiñan distintas procedencias xeográficas e sociais; que tiñan, moi probablemente, e sen incorrer en anacronismos, diferentes crenzas e ideoloxías. Persoas que cultivaron distintas artes, e desempeñaron distintos oficios. Ningún deles, por certo, e a diferenza doutros santuarios similares, repousa eiquí por ter librado grandes batallas militares; e si por ter desempeñado ou construído grandes obras artísticas ou intelectuais.
Todas elas compartindo unha arela común: viviron, quixeron e actuaron, desde os seus distintos ámbitos intelectuais e no momento histórico que a cada un lle tocou vivir, pensando en Galicia, nas súas xentes, na súa cultura, e no seu benestar espiritual e material.
Unha unidade no esencial, a través do tempo, e que supera, como este Panteón, os máis diversos e os máis complexos avatares históricos, para conformar o verdadeiro sentimento galeguista que nós, os militantes do PPdeG, compartimos: pensar, vivir e traballar para mellorar o benestar espiritual e material das nosas xentes.
A CRISE ECONÓMICA
Vivimos hoxe uns tempos extraordinariamente complicados no económico. A nosa sociedade atravesa un dos períodos máis difíciles desde hai cen anos: o paro afoga a moitas familias galegas; e frustra as esperanzas da mellor e máis formada das xeracións de galegos: a xeración dos mozos e mozas que acaban de rematar os seus estudos.
Por vez primeira nos 30 anos de autonomía, no ano 2010 os orzamentos autonómicos foron sensiblemente menores que os do ano precedente; e no vindeiro 2011 disporemos aínda de moitos menos recursos para xestionar servizos públicos fundamentais, para procurar o crecemento económico e para saír antes do burato que atopamos.
A proxección da evolución dos ingresos no futuro non semella arroxar indicios de melloría significativa, pola conxunción:
- da evolución dunha economía que non remata por saír da crise;
- dun sistema de financiamento autonómico que antepuxo os intereses doutras comunidades ós de Galicia;
- e pola obriga de ter que devolver 2.600 millóns de euros que lle foron atribuídos a Galicia nos irreais orzamentos do Estado para 2008 e 2009, liquidacións negativas que teremos que devolver nos prazos e condicións que a administración do Estado nos impón fora de toda racionalidade económica e financeira xusto cando máis o necesita a nosa Comunidade para contribuír a paliar os efectos da crise.
Hai máis de cen anos, un dos ilustres galegos que repousan neste templo, enfrontouse a unha situación semellante. Entón, ao igual que agora, houbo quen quixo utilizar a crise para construír un discurso antiautonomista. Daquelas o que se pretendía era frear o acceso á autonomía. Agora o que algúns pretenden e recortar as competencias financeiras ou as capacidades de gasto das facendas autonómicas.
Resultan premonitarias as súas palabras, que recobran, máis de un século despois, todo o seu valor:
“Uno de los argumentos que los antirregionalistas oponen a la creación de las Haciendas regionales es que las regiones gastan más de lo que ingresan: en España suele citarse algunas regiones, a las cuales se les niegan rotundamente las condiciones económicas para vivir con independencia.
Y como quiera que una de las calumniadas es Galicia, aún por sus hijos espúreos que anteponen su bien material a la felicidad de la patria, conveniente es que defendamos a la madre, que pongamos nuestra pluma y nuestros alientos al servicio de ella, para reparar su honra inmaculada”
Pois ben, ao igual que entón, debemos dicilo ben claro: Galicia, e o seu goberno, están sendo leais co goberno central ¿Acaso hai lealdade maior que cumprir, como fixemos nós en 2009, os obxectivos de estabilidade orzamentaria, tendo para elo que facer esforzos e sacrificios no recorte do gasto?
¿E que son máis leais as CCAA que, lonxe do 1% de déficit previsto, duplicaron ou mesmo superaron en máis do doble o obxectivo marcado? ¿É leal coa CA de Galicia unha Administración Xeral do Estado que, tendo ela mesma incumprido con creces os seus propios obxectivos de déficit, lle impón sen diálogo e sen consenso devolucións á Galicia que van a facer extremadamente difícil prestar os servizos públicos que ten asumidos?
¿É leal o goberno central cando chega a suprimir a regra que permitía ás CCAA que, como Galicia, cumpriron cos seus obxectivos de déficit, endebedarse adicionalmente co compromiso de financiar investimentos?
Nós, ao igual que os galeguistas de hai un século, defenderemos os intereses de Galicia; facéndoos compatibles cos de España no seu conxunto. Pretendemos facelo desde a unión de todos, con independencia das diferenzas en crenzas ou ideoloxías. A diferenza de entón, contamos co autogoberno; e con representantes que poden, que podemos, loitar xuntos para conseguir obxectivos comúns.
Confiamos que, ao igual que quenes eiquí repousan, saibamos antepoñer os intereses de Galicia aos intereses partidarios que, por moi lexítimos que poidan ser, deben ceder ante o máis importante interese xeral: contar con recursos suficientes que, ben administrados, con eficiencia, e austeridade, permitan que os galegos conten cunha sanidade, cunha educación, cuns servizos públicos de calidade e iniciemos a recuperación económica.
PECHE
Que esta modesta, pero sentida ofrenda floral que vimos de realizar, sirva para que os nosos devanceiros nos alumeen a todos, a quenes gobernamos e a quenes fan oposición, para que saibamos acertar nas nosas actitudes e nas nosas decisións.
Que o seu exemplo e a súa memoria nos impulsen a todos a traballar xuntos polo ben de Galicia, e o das súas nobres e admirables xentes.
Dixen.













