Delgado lamenta que Blanco non cumpra con Galicia e oculte os recortes

O voceiro adxunto do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Celso Delgado, destaca que a única rescisión de obras en Galicia afecta a unha autovía esencial para a vertebración territorial de Ourense e Lugo

 

Delgado lamenta que Blanco non cumpra con Galicia, oculte os recortes e rescinda contratos de obra pese a anunciar o contrario

 

  • Critica que Blanco afirme que non fará a conexión por AVE entre Monforte-Valdeorras e Ponferrada e sexa incapaz de dar un prazo de posta en servizo para a Autovía do Cantábrico, nin para a de Santiago-Lugo, para a A-57-conexión A-52 Pontevedra, para A-76, ou para a terceira ronda de A Coruña, entre outras

 

  • O popular tamén se laia de que o ministro non dese a coñecer a relación dos proxectos a incluír no Plan Extraordinario de Infraestruturas

 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2010.- O voceiro adxunto do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, Celso Delgado, lamenta que o ministro de Fomento, José Blanco, non cumpra con Galicia, oculte os recortes que o seu departamento vai facer na Comunidade e rescinda contratos de obra pese a que tiña anunciado o contrario. Por este motivo, o popular non pode máis que expresar o seu disgusto e preocupación ante as previsións para Galicia que José Blanco expresou na Comisión de Fomento celebrada esta mañá no Congreso.

 

Para Delgado, é lamentable que Blanco, quen fai unhas semanas presumía de que Galicia non vería rescindida ningunha obra, agora tome a decisión de forma unilateral de cancelar dúas delas relativas á Autovía Ourense-Lugo, ou A-56, esencial para a vertebración do interior de Galicia entre ambas cidades.

 

Do mesmo xeito, Delgado critica que o ministro de Fomento ocultase ao Congreso información, posto que non acudiu á cita coa relación de obras galegas afectadas pola ‘reprogramación’ do seu departamento, que conlevará un retraso de un a catro anos e que afectaría aos proxectos con obras en estado avanzado de execución.

 

Segundo Delgado, tendo en conta os retrasos acumulados nos últimos anos dos proxectos galegos a causa da neglixencia e do abandono dos socialistas no Goberno central, estas manifestacións de José Blanco son moi alarmantes e só engadirian máis atrasos sobre os xa acumulados. Ademais, para Delgado, “non é de recibo remitirnos como fixo Blanco, ó anexo de investimentos do próximo proxecto de presupostos xerais do Estado para 2011”.

 

Do mesmo xeito, o popular tamén criticou que o ministro non dese a coñecer a relación dos proxectos a incluír no Plan Extraordinario de Infraestruturas.

Por outra banda, a Delgado parécelle sorprendente que ás preguntas a Blanco por parte dos populares este non fora quen de dar un prazo de posta en servizo para a Autovía do Cantábrico, nin para a de Santiago-Lugo, para a A-57-conexión A-52 Pontevedra, para A-76, ou para a terceira ronda de A Coruña, entre outras. Do mesmo xeito, critica que o ministro afirmase que non vai facer a conexión por AVE entre Monforte-Valdeorras e Ponferrada, nin tampouco o AVE do Cantábrico, sen plantexar ningunha alternativa a estas supresións e que non concretase avances na conexión por AVE entre Ferrol e A Coruña, Ourense e Vigo e Ourense e Lugo, e que tampouco despexara ningunha incógnita sobre a conexión de Galicia con Portugal.


Compartir en:
Comparte en Google! Live! Facebook! Netscape! Technorati! MySpace! Yahoo!
Síguenos:
RSS

Descarga nosos titulares

Podcast

Leva os nosos audios

No teu correo

Recibe os titulares e alertas informativas

Afiliate Buscar